O conxunto azul afrontará catro citas de preparación antes da súa histórica estrea en 3ª RFEF.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía xa ten confirmadas as catro citas de pretemporada que disputará durante os meses de agosto e setembro para preparar o seu debut en 3ª RFEF. O equipo afronta estes compromisos despois de completar a súa primeira semana de traballo.
O primeiro test chegará o domingo 16 de agosto fronte ao Atlético Vilalonga, no Trofeo Concello de Sanxenxo, que se disputará no Municipal de San Pedro de Vilalonga a partir das 18:00 horas. O conxunto pontevedrés será esta temporada un dos equipos do Grupo 1 de 3ª RFEF.
A segunda cita terá lugar o 22 de agosto ás 18:00 horas no Campo Municipal de Oira, onde o conjunto pontino recibirá ao Vitoria CF “B”, outro dos equipos que competirá esta campaña en 3ª RFEF. O filial coruñés foi campión a pasada tempada de Primeira Futgal, competición na que o conxunto rosaliano finalizou en segunda posición.

Unha semana despois, o 29 de agosto, as de Alberto Tamayo afrontarán un triangular fronte a Unionistas de Salamanca e Vitoria CF “B”, na terceira proba de preparación do verán.
A pretemporada pecharase co II Trofeo “Elas xogan” do Concello de Paderne de Allariz o 5 de setembro. Un cuadrangular ante CD Arenteiro, CD Teis e VDE Arroyofresno. O conxunto madrileño compite en Preferente, mentres que o CD Teis chega despois de proclamarse campión da 3ª División Galega.
O técnico pontino, Alberto Tamayo, destaca a esixencia da preparación: “Buscamos enfrontarnos a rivais de bo nivel que nos obriguen a competir e que nos sirvan para chegar o mellor preparadas posible ao comezo de Liga. Estas primeiras semanas terán unha carga de traballo importante e os partidos permitirannos ir vendo a evolución do equipo e trasladar ao campo todo o que estamos a traballar durante a semana”.
As diferentes citas servirán ao corpo técnico para continuar preparando ao equipo de fronte ao 13 de setembro, data marcada para o inicio da competición ligueira e a estrea da Escola de Fútbol Feminino Rosalía en categoría nacional.


E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino