Primeiro contacto sobre o céspede na pretemporada

Vinte xogadoras participaron na primeira sesión dunha pretemporada de seis semanas, durante a que o equipo disputará catro compromisos amigables antes da estrea ligueira do 13 de setembro.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía iniciou este luns 3 de agosto a súa pretemporada 2026/27. Despois de completar os correspondentes recoñecementos médicos o pasado venres, o persoal regresou ao céspede das instalacións municipais de Oira para comezar a preparar a súa histórica primeira participación en 3ª federación feminina.

Un total de 20 xogadoras participaron no adestramento inaugural. Noa e Antía non puideron estar presentes por diferentes motivos. Entre as futbolistas que comezaron o traballo atopábanse tres xogadoras de categoría cadete e as dúas incorporacións realizadas ata o momento polo club. Antes de saltar ao terreo de xogo, o presidente do club pontino, Mario Gómez, deu a benvida ao persoal. Posteriormente, Alberto Tamayo recibiu ás xogadoras e expuxo as primeiras liñas de traballo dunha preparación que se prolongará durante seis semanas.

O primeiro día sempre serve para reencontrarnos, dar a benvida ás novas xogadoras e explicar como queremos traballar“, Alberto Tamayo.

O técnico ourensán continuará á fronte do equipo acompañado polo mesmo corpo técnico da pasada campaña, unha continuidade que permitirá manter a metodoloxía de traballo e facilitar a adaptación das novas incorporacións e das futbolistas procedentes das categorías inferiores. Tamayo afronta esta nova etapa con ambición, aínda que consciente da esixencia que supoñerá competir en categoría nacional. “Temos que gozar do reto, pero sen perder de vista que a 3ª RFEF vai esixir moitísimo. Queremos ser un equipo reconocible, competitivo e solidario. Estas seis semanas serán fundamentais para construír esa identidade”, concluíu.

Catro citas de preparación antes do inicio ligueiro
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía continuará durante as próximas semanas coa súa preparación en Oira antes de afrontar, o domingo 16 de agosto, o seu primeiro compromiso de pretemporada. O conxunto pontino medirase ao Atlético Vilalonga no Trofeo Concello de Sanxenxo, que se disputará no Municipal de San Pedro de Vilalonga. As seguintes citas chegarán o 22 e o 29 de agosto, mentres que o último ensaio terá lugar o 5 de setembro. Será a última proba antes do inicio da competición en 3ª federación feminina previsto para o 13 de setembro.

Check Also

Rosalía conquista a Copa Deputación tras unha final inesquecible

As de Alberto Tamayo proclamáronse campioas da IV Copa Deputación despois dunha final épica ante …