O noso equipo non puido despedirse con bo sabor de boca ante un rival que demostrou a súa condición de equipo que loitará polo título na fase final.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía perdeu un a cinco ante o Atlético Arousá no partido disputado no Municipal de Oira, poñendo punto e final ao curso 2023/24. As visitantes foron superiores durante gran parte do encontro pero, en especial, na segunda metade.
Non puido empezar da peor maneira o encontro. As visitantes foron as primeiras en crear perigo e adiantarse. Noa quedou soa ante Paula, despois dun saque de falta longo de Noemí, aínda que a nosa gardameta tentou despexar o perigo, a arousá remata ao fondo da rede (0-1, minuto 6). Apunto estivo de ampliar a vantaxe novamente Noa catro minutos despois nunha xogada similar, pero esta vez, a porta baleira, non acerta entre os tres paus. A resposta do Rosalía chegou cun disparo de Mihret que se marchou preto do pau. Na seguinte xogada, Paula, en primeira instancia e Elena afastan o perigo noutra ocasión de perigo xerada por Noa que remata Xiana. Dous minutos despois de superar o cuarto de hora, mellóraa ocasión para o noso equipo. Mihret remata en área grande, rexeita a gardameta rival e o balón termina noutro remate de Marta que golpea na man de Ana. Mosquera Paez non dúbida en sinalar os once metros, pero Mihret non acerta entre os tres paus. Aos vinte minutos de xogo, Noa xérase o oco para o disparo e unha vez conseguido cruza lonxe da estirada de Paula, anotando o segundo. Ao gol seguiríanlle outras dúas chegadas de perigo nas botas de Noemí e Yaiza, ambas as resoltas con boas intervencións da nosa gardameta. A resposta do noso equipo, un minuto despois da media hora, chega nunha contra que inicia Mihret e termina Nicole, cruzando o esférico ante a saída de Leire, pero o balón sae rozando o poste. As de Carlos e Manu lograron o premio seis minutos despois. Nicole remata desde o bordo da área, Leire non consegue blocar o balón e Sara, moi atenta, remata ao fondo da rede acurtando as distancias (1-2, minuto 37). Non durou moito a alegría, inmediatamente despois Yaiza recupera a posesión na saída do balón local e non dúbida en golpear a porta vendo a Paula adiantada (1-3).
A segunda parte arrincou como transcorreu a primeira, con outra chegada de perigo xerada por Noa despexada por Paula. Alejandro Iglesias deu entrada a Antía por Leire baixo paus e Mihret, tivo dúas novas oportunidades, con dous disparos afastados, o primeiro despéxao a gardameta a córner e o segundo sae alto. Dous minutos despois da hora de xogo, Yaiza roza o gol ao despexar o seu tiro Paula e rebotar no poste e, Xiana, volve atoparse coa nosa porteira na seguinte chega de perigo. Xa no tramo final, confirmouse a goleada. No minuto 74′, Un gran pase en profundidade cara ao desmarque de Noa, remátao ao fondo da rede e, dous minutos despois, xogada persoal de Yaiza, que dentro da área regatea a tres defensas e cruza ante a saída de Paula dentro da área pequena. Cruel resultado para a despedida do Infantil ao curso 2023/24.