Vitoria da EFF Rosalía ‘Azul’ e derrota do ‘Amarelo’.
Última fin de semana de compromisos oficiais para os dous representantes da Escola de Fútbol Feminino Rosalía na Liga Galega Cadete. Vitoria do equipo ‘Azul’ e derrota a domicilio do ‘Amarelo’.
Atlético Arousana-EFF Rosalía ‘Amarelo’ (2-0)
Despedían a tempada as xogadoras de Javier Alonso a domicilio contra un dos equipos da parte da táboa, un Arousá que, do mesmo xeito que o noso equipo, xa non tiña nada en xogo. Aínda que, o noso equipo ‘Amarelo’, en caso de vitoria e derrota das súas compañeiras do ‘Azul‘, poderían pasalas na a clasificación. Adiantáronse as locais na parte final da primeira metade cun gol de Sofía Miguens aos 38 minutos de xogo. Xa, na segunda metade, a falta de dez minutos para o final, Inés sentenciaba co segundo.
EFF Rosalía ‘Azul’-Arcadia EF (4-0)
Final de campaña doce para as pupilas de Alberto Tamayo, que despois de catro derrotas consecutivas, lograban cambiar a dinámica dun equipo lastrado polas baixas e lesións nos últimos partidos. O técnico ourensán tivo que convocar a tres xogadoras do equipo infantil (Marta, Ainhoa e Mihret) e substituír a Karla na portería por Esmeralda. A pesar de todo, as pontinas saíron a polos tres puntos, destacando na faceta goleadora os reforzos do equipo de inferior categoría. Marta adiantou ás nosas aos 24 minutos, ampliando a vantaxe Mihret á media hora de xogo. A volta de vestiarios, Sanmiguel anotaba o terceiro e Ainhoa, no 78′, pecha a goleada co gol do partido. A centrocampista recupera un balón en tres cuartos de campo, desfaise da súa defensora cunha ‘ruleta’ e envía o balón á escuadra desde o balcón da área, GOLAZO!