Fin a unha mala serie

A Escola de Fútbol Feminina Rosalía Cadete consegue no Municipal de Oira unha gran vitoria para volver á senda do triunfo.

A Escola de Fútbol Feminina Rosalía Cadete logra volver á senda da vitoria tras un partido moi completo ante o Viaxes InterRías. As azuis comezaron o duelo con moita intensidade que se traduciu en chegadas á área e solidez defensiva. Sanmiguel tivo a máis clara na primeiro metade rematando ao fondo da rede o gol que daría a vitoria ás de Alberto Tamallo.

Aos cinco minutos do asubío inicial, Torres remata un centro de Clau que bloca Omara sen problemas. Sete minutos despois, intercambio de papeis. Torres recupera e o seu centro remátao Clau fóra entra as centrais rivais. Xusto no ecuador do primeiro tempo chegou o gol da vitoria das nosas. Xiana recupera o esférico na medular, cambia o xogo á esquerda, Antía centra ao momento de penalti e Sanmiguel, no sector do nove, supera á gardameta visitante no man a man. Dous minutos despois, a dianteira estivo a piques de ampliar a distancia, pero o seu remate sae pegado ao pau. As de Tamallo, moi sólidas, mantiveron o perigo afastado da área de Paula ata os minutos finais do primeiro tempo, onde as visitantes enlazaron dúas ocasións antes do asubío do colexiado. No 38′, Ainara Penas proba os reflexos da cancerbeira blocando o seu tiro afastado sen problemas. Co tempo cumprido, un ataque polo sector esquerdo do InterRías acaba en Ainara, acomoda o balón á zurda e o seu disparo sae pegado ao poste.

O partido foi moi igualado. Na foto, Tegra e Cloe loitan polo balón.

Xa na segunda parte, as nosas seguiron co mesmo guion. Por parte do conxunto dirixido por Diego Fernández, tentárono desde o minuto un, pero os seus intentos de asinar táboas no marcador foron en balde. Con esta vitoria, o Cadete rompe unha mala serie de dous partidos sen puntuar na súa segunda vitoria no Municipal de Oira da tempada.

Check Also

O Azul dobrega ao Amarelo no derbi da Liga Cadete

Nun derbi vibrante, con gran ambiente nas bancadas, os goles de Xiana serviron para levarse …

Skip to content