Rosalía busca en Boiro o primeiro triunfo da tempada

As pontinas visitan este domingo ao Concello de Boiro (17:00 h) nun encontro no que queren transformar o traballo realizado en puntos.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía afronta este domingo unha nova oportunidade para sumar os seus primeiros puntos na Terceira Federación FUTFEM. As azuis desprázanse ata o Campo Municipal de Vista Hermosa de Boiro para medirse ao E.F.M. Concello de Boiro, nun partido correspondente á terceira xornada da competición.

O conxunto pontino chega ao encontro coa intención de dar un paso adiante despois dun inicio de liga no que os resultados non acompañaron o bo traballo realizado sobre o terreo de xogo. O principal aspecto a mellorar está sendo a falta de acerto na área rival, un factor que impediu ao equipo estrear o seu marcador goleador nas dúas primeiras xornadas. A clasificación reflicte que a EFF Rosalía aínda non sumou puntos e acumula cero goles a favor. As xogadoras dirixidas por Alberto Tamayo afrontan o partido con ambición e coa idea de manter a súa identidade competitiva, buscando unha maior eficacia nos últimos metros.

“O equipo está competindo ben, pero está faltando o máis importante no fútbol, que é transformar as ocasións en goles. Estamos xerando situacións, chegando arriba, pero necesitamos ese punto de acerto que nos permita cambiar a dinámica”, explicou o técnico pontino na previa. Noso adestrador non recupera ningunha xogadora dispoñible para o encontro ante o Concello de Boiro, polo que contará co mesmo bloque das primeiras xornadas.

CONVOCATORIA

“Sabemos que en Boiro teremos un partido complicado”, Alberto Tamayo.

“O grupo está traballando moi ben. Non recuperamos xogadoras para este partido, pero temos confianza nas futbolistas que están dispoñibles e sabemos que a primeira vitoria chegará se seguimos nesta liña”, destacou para nosa web Tamayo.

Concello de Boiro
O Concello de Boiro chega ao encontro nunha situación similar á da EFF Rosalía. O equipo boirense tampouco conseguiu sumar puntos nas primeiras xornadas e ocupa a parte baixa da clasificación tras os seus primeiros compromisos ligueiros. Na primeira xornada, o Boiro caeu ante o PM Friol por 1-0, nun partido decidido por un gol no tramo final. Na segunda xornada, o conxunto boirense volveu competir nun encontro igualado ante o Lóstrego , que rematou cun resultado de 1-2. O rival das pontinas conta con xogadoras capaces de xerar perigo no ataque, como Iria Otero, autora do primeiro gol do equipo na tempada, e chega ao duelo coa necesidade de sumar os primeiros puntos diante da súa afección.

Será, polo tanto, un duelo directo entre dous equipos que buscan a súa primeira alegría do curso, nun partido no que os pequenos detalles e a eficacia nas áreas poden marcar a diferenza.

E.F.M. Concello de Boiro – EFF Rosalía

📍 Campo Municipal de Vista Hermosa (Boiro)
📅 Domingo, 27 de setembro
⏰ 17:00 h

Coa nosa historia. Co noso escudo. Somos pontinas.

Check Also

A EFF Rosalía lévase o derbi no Monte da Aira

A pegada das ‘azuis’ decidiu un derbi con dous goles en tres minutos tras o …