As azuis reaccionaron ao 2-0 inicial cun gol de Sampayo e dominaron boa parte da segunda metade, pero non atoparon o empate.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía regresou de Boiro sen puntos, pero coa sensación de que fixo méritos para conseguir máis. As azuis caeron por 2-1 ante o E.F.M. Concello de Boiro no campo de Vista Alegre, nun encontro que se complicou desde o primeiro minuto e no que o equipo de Alberto Tamayo foi medrando ata acabar poñendo contra as cordas ao conxunto local.
O partido comezou do peor xeito posible. Cando apenas pasaran uns segundos desde o inicio, o Boiro aproveitou a súa primeira chegada para poñerse por diante. Laura Vila marcou o 1-0 no minuto 1 tras unha acción rápida das locais. Nos sénior intentou reaccionar pronto e comezou a atopar espazos para facer dano. Amelia tivo un man a man ante a porteira Andrea, no que a gardameta gañou a partida, mentres que Miriam tamén puxo a proba á gardameta local cun disparo desde a banda dereita que acabou en córner.
As pontinas estaban competindo ben, pero o Boiro volveu golpear. No minuto 12, Otero Fuertes aproveitou unha acción por banda para facer o 2-0 e poñer máis difícil o encontro para as visitantes. A partir dese momento chegou a mellor versión do Rosalía. O equipo comezou a dominar máis, a mover o balón con calma e a acumular ocasións. Candela Bouzas estivo moi preto de recortar distancias cun potente disparo que a porteira local conseguiu desviar ao traveseiro.
O premio chegou no minuto 36. O Rosalía construíu unha gran xogada colectiva desde atrás, levando o balón dun lado ao outro do campo ata atopar a Sampayo, que finalizou cun disparo espectacular á escadra para facer o 2-1. Co gol, as ‘azuis’ creceron aínda máis e acabaron a primeira metade buscando o empate, coa sensación de que o partido estaba completamente aberto.
O dominio do Rosalía na segunda parte non tivo recompensa
A segunda metade confirmou a mellor versión do equipo de Alberto Tamayo. O conxunto pontino saíu decidido a buscar o empate e durante moitos minutos converteu o campo do Boiro nunha zona de ataque constante. Amelia tivo unha ocasión moi clara tras aproveitar unha indecisión defensiva das locais, pero a porteira gañou o duelo no man a man. Pouco despois, Noui e Amelia volveron xerar perigo poñendo en dificultades á defensa rival. Miriam tamén rozou o gol cun disparo desde fóra da área que botou diante da porteira e obrigou a unha intervención complicada para evitar o empate. As ‘azuis’ seguiron insistindo ata o final. As combinacións, a presión tras perda e a chegada polas bandas permitiron ao Rosalía dominar o encontro, aínda que faltou acerto nos últimos metros. O tramo final estivo marcado pola tensión. Aldarita viu dúas tarxetas amarelas no minuto 90′ e acabou expulsada por falar con Piñeiro Lugo.
A pesar da derrota, noso equipo deixou unha boa imaxe. Un equipo capaz de reaccionar ante un resultado adverso e de competir ata o último minuto.
“Temos que aprender deses primeiros segundos”, Alberto Tamayo.
O adestrador da EFF Rosalía lamentou o inicio do encontro, pero destacou a resposta das súas xogadoras durante o resto do partido. “Estou enfadado porque saímos demasiado relaxadas e encaixamos practicamente no primeiro minuto. Iso obríganos a ir sempre por detrás e nesta categoría calquera detalle conta”, explicou Alberto Tamayo. O técnico valorou a reacción tras o 2-0:“Despois do segundo gol cambiamos a dinámica. Comezamos a xogar, tivemos ocasións e conseguimos metelas no seu campo. Creo que por ocasións e por xogo non mereciamos chegar ao descanso perdendo”. Sobre a segunda metade, Tamayo destacou o traballo do equipo: “Na segunda parte dominamos, tivemos ao Boiro pechado e xeramos varias ocasións claras. Faltounos ese segundo gol que nos podía dar polo menos un punto”. O adestrador ‘azul’ pechou mirando xa ao seguinte partido: “Temos que seguir traballando. Hai que quedar coa reacción do equipo e corrixir eses pequenos detalles que nos están custando puntos”.
FICHA TÉCNICA:
2-Boiro: Andrea (Nerea 90′), Iria (Beatriz 75′), Eva, Gabriela, Paula (Mariela 90′), Laura Alejo, Carla, Margarita, Laura Vila, Oumkaltoum (Carla 63′) e Antía (Marcia 90′).
1-Rosalía: Karla, Aldarita, Sampayo (Zai 86′), Laura, Noui, Aida, Miriam (Antía 73′), Aline (Losada 73′), Candelita, Mihret (Bonjoch 65′) e Amelia (Andrea 86′).
Goles
1-0 (minuto 1) Laura Vila
2-0 (minuto 12) Iria
2-1 (minuto 36) Sampayo
Tarxetas
Amarela (minuto 20) Laura Añón
Amarela (minuto 27) Candelita
Amarela (minuto 51) Laura Alejo
Amarela (minuto 56) Noui
Amarela (minuto 85) Tamayo
Amarela (minuto 90) Aldarita
Amarela (minuto 90) Aldarita




E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino