Rosalía e RG Gloves unen os seus camiños cun acordo de patrocinio por tres tempadas

A EFF Rosalía e a prestixiosa marca especializada en luvas de porteira RG Gloves alcanzaron un acordo de patrocinio para as próximas tres tempadas.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía e a prestixiosa marca especializada material deportivo para gardametas RG Gloves alcanzaron un acordo de patrocinio para as próximas tres tempadas. Grazas a esta alianza, as porteiras do club utilizarán luvas RG Gloves, contando con material de alto rendemento deseñado especificamente para ofrecer agarre, comodidade, protección e seguridade baixo paus.

Unha marca utilizada por gardametas profesionais
RG Gloves é unha marca internacional con máis de 15 anos de experiencia, presenza en máis de 70 países e máis de 100.000 porteiros e porteiras que confían nos seus produtos. A calidade e o prestixio da marca quedan reflectidos no seu equipo de gardametas profesionais, o #TeamRG, do que forman parte nomes recoñecidos como Juan Musso, porteiro do Atlético de Madrid; Jeremías Ledesma, gardameta arxentino cunha ampla traxectoria no fútbol profesional e Matías Dituro, porteiro do Elche CF.
RG Gloves tamén conta cunha importante representación no fútbol feminino. Porteiras como Laurina Oliveros, de Boca Júniores Feminino; Margot Shore, do Olympique de Marsella feminino; Meri Muñoz, do RCD Espanyol; e Matilde Copetti, do Parma Calcio Women, forman parte do equipo internacional da marca.

Un 30% de desconto para todas as porteiras
Como parte deste acordo, todas as porteiras do club gozarán dun 30% de desconto na adquisición das súas luvas RG Gloves durante a vixencia do patrocinio. Esta colaboración supón un novo paso adiante no crecemento de nosa institución e reflicte a aposta do club por proporcionar ás súas xogadoras material especializado de calidade que contribúa á súa formación, evolución e rendemento deportivo.

Desde a Escola de Fútbol Feminino Rosalía queremos agradecer a RG Gloves a confianza depositada no noso proxecto e celebramos o comezo dunha colaboración que se prolongará durante as próximas tres tempadas.

Benvida á familia da EFF Rosalía, RG Gloves!

Check Also

A EFF Rosalía colabora un ano máis coa ‘Operación Quilo’

O noso club colabora na recollida de alimentos, xoguetes e roupa organizada por Amencer un …