A primeira campaña do club en Terceira Federación arranca este domingo 30 de agosto coa principal novidade da creación do carné de Abonado e a nova modalidade Abonado Premium.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía pon en marcha este domingo 30 de agosto a súa campaña de abonados para a histórica temporada 2026/27, a primeira do conxunto pontino en Terceira Federación. Un curso especial que o club quere compartir coa súa afección baixo o lema ‘CON VÓS. A nosa historia tamén é túa‘.
A campaña nace coa intención de facer partícipe á afección dunha temporada que marcará un antes e un despois na historia da entidade. Porque detrás de cada partido, de cada esforzo e de cada paso adiante das azuis está tamén o apoio de todos aqueles que acompañan ao equipo desde a bancada.
A xogadora número 12 es ti.
Esta será, ademais, a primeira temporada na que se cobrará entrada nos encontros dos equipos sénior, unha novidade ligada á estrea do conxunto pontino en Terceira Federación, categoría na que os clubs establecen acceso de pago para asistir aos seus partidos. Por este motivo, o ata agora denominado carné de Simpatizante desaparece para dar paso ao novo carné de Abonado, que permitirá acceder aos encontros dos nosos equipos sénior ao longo da temporada.
O novo carné de Abonado
O carné de Abonado/a 2026/27 permitirá acceder aos partidos que disputen como locais os nosos equipos sénior ao longo da temporada, converténdose na mellor maneira de vivir de preto un ano histórico para a entidade. Unha nova denominación para unha nova etapa cun prezo de 30€. O salto a Terceira Federación supón un importante paso adiante no crecemento deportivo e social da entidade, que quere percorrer esta nova etapa acompañada pola súa xente.

Abonado Premium: unha camiseta para unha temporada histórica
Como gran novidade da campaña 2026/27, o club pontino incorpora tamén a modalidade ‘Abonado Premium’ cun prezo de 65€. Ademais das vantaxes correspondentes ao carné de Abonado, todos aqueles que escollan esta modalidade recibirán como agasallo a camiseta exclusiva da histórica primeira temporada da EFF Rosalía en Terceira Federación.
Unha peza especialmente creada para este curso e que se entregará personalizada co nome e número elixidos polo abonado, incorporando tamén o parche correspondente á participación do club en Terceira Federación.
Un recordo único dunha temporada que xa forma parte da historia da Escola de Fútbol Feminino Rosalía.
CON VÓS. A nosa historia tamén é túa
O ascenso a Terceira Federación abre un novo capítulo para o club. Un capítulo que non pertence unicamente ás xogadoras que saltarán ao campo, senón tamén ás familias, á canteira, aos adestradores, colaboradores e, especialmente, a unha afección que leva acompañando ao conxunto pontino durante todo o seu camiño.
Por iso, a campaña 2026/27 ten unha protagonista moi clara: a xogadora número 12. Este domingo 30 de agosto comeza unha nova aventura.
CON VÓS.
A nosa historia tamén é túa.
FAITE ABONADO/A.



E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino