Rosalía-Friol: Volta o fútbol a Oira

O noso equipo estréase esta tempada no noso campo, onde afronta o duelo da segunda xornada de Liga (12.30 h; tiivii.gal).

Volta o fútbol ao Municipal de Oira. A Escola de Fútbol Feminino Rosalía afronta este domingo a súa primeira cita como local na 3ª Federación  coa intención de sumar os primeiros puntos da tempada ante o P.M. Friol. O encontro, correspondente á xornada 2, dará comezo ás 12:30 horas e será retransmitido en directo a través da plataforma tiivii.gal. As azuis queren transformar o seu estadio nun fortín e ofrecer á súa afección a primeira alegría nunha campaña histórica para o club.

A EFF Rosalía chega á cita despois do debut ligueiro ante o Orzán SD. O conxunto pontino caeu por 2-0 no Campo Nº1 da Cidade Deportiva A Torre nun partido no que as locais se adiantaron no primeiro minuto e sentenciaron na segunda metade. A pesar do resultado, o equipo dirixido por Alberto Tamayo deixou unha boa imaxe nunha estrea esixente e agora afronta o reto de sumar os primeiros puntos diante da súa xente.

O encontro enfrontará a dous conxuntos que afrontan unha nova etapa no fútbol feminino galego. O Friol chega coa confianza dunha vitoria, mentres que o conxunto pontino busca sumar os seus primeiros puntos e iniciar a súa traxectoria como local na categoría.

As baixas seguen marcando o día a día
Alberto Tamayo continúa afrontando o inicio de tempada condicionado polas numerosas baixas que afectan ao cadro pontino. O técnico segue traballando para sacar o máximo rendemento dunha plantilla que está a demostrar compromiso e capacidade de adaptación. Estas son as 16 elexidas polo técnico ourensán para o debut na casa:

CONVOCATORIA

“O equipo está preparado para competir”, Alberto Tamayo.

En declaracións a nosa web, o técnico resaltou que “seguimos tendo moitas baixas, pero o equipo está preparado para competir. Temos que centrarnos nas xogadoras dispoñibles, manter a nosa identidade e aproveitar cada oportunidade para seguir medrando nesta categoría.”

O rival
O P.M. Friol visita Oira tras comezar a competición cun triunfo. O equipo lucense derrotou na primeira xornada ao E.F.M. Concello de Boiro por 1-0, grazas ao tanto de Nerea Rodríguez no minuto 70. Ese resultado permite ao Friol situarse con 3 puntos, mentres que o EFF Rosalía ocupa a décima posición da clasificación tras a primeira xornada.

Check Also

A EFF Rosalía paga a súa falta de acerto ante un Friol máis efectivo

As pontinas tiveron ocasións, pero dous goles antes do descanso decantaron o partido para o …