As ‘azuis’ compiten ante un Orzán SD moi intenso no primeiro partido histórico do club na categoría.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía iniciou este domingo a súa andaina na Terceira Federación cunha derrota ante o Orzán SD no campo da Torre Nº1 da Coruña. As ‘azuis’ non puideron sumar no seu debut histórico na categoría, pero deixaron mostras de capacidade de adaptación nun encontro marcado pola esixencia e polos nervios propios dunha estrea.
O partido comezou da peor maneira posible para o conxunto pontino. No primeiro minuto, un erro na saída de balón permitiu a Daniela plantarse nun man a man ante Karla, que nada puido facer para evitar o primeiro tanto local. As locais impuxeron un ritmo moi alto durante a primeira metade, obrigando ás pontinas a defender durante moitos minutos. Nosso sénior foi medrando pouco a pouco e atopou a súa mellor ocasión antes do descanso. No minuto 40′, unha recuperación en zona de tres cuartos permitiu a Aldarita encarar á defensa rival e obrigar a Ana Seoane a realizar unha gran intervención.
Tras o paso polos vestiarios, o Orzán ampliou a súa vantaxe no minuto 53′. Un balón longo ás costas da defensa permitiu a Ángela gañar a disputa pola velocidade e superar a saída de Karla para facer o 2-0 definitivo. Co marcador en contra, o conxunto de Alberto Tamayo deu un paso adiante e protagonizou os seus mellores minutos do encontro. As ‘azuis’ xeraron varias chegadas e obrigaron á porteira local a intervir en varias ocasións, aínda que faltou claridade nos últimos metros para conseguir reducir diferenzas. Karla tamén tivo protagonismo con varias paradas de mérito, mentres que Candelita probou fortuna cun disparo desde fóra da área que se marchou por riba da portería.
“Temos que aprender e adaptarnos á categoría”, Alberto Tamayo.
O técnico ourensán, Alberto Tamayo, valorou o encontro como unha experiencia importante para o crecemento do equipo: “Sabíamos que o salto de categoría ía ser complicado. O equipo notou os nervios do debut e faltounos algo de tranquilidade en determinados momentos, pero tamén vimos que podemos competir. Na segunda parte estivemos mellor e tivemos as nosas opcións”. O técnico azul destacou a resposta do grupo ante un rival que esixiu moito desde o inicio: “A Terceira Federación obrígache a estar concentradas durante os 90 minutos. Hoxe aprendemos dos erros e quedámonos coa capacidade de reacción do equipo. Isto acaba de comezar e temos que seguir medrando”.
O debut da Escola de Fútbol Feminino Rosalía na Terceira Federación deixa unha primeira experiencia de aprendizaxe para un equipo que afronta un dos momentos máis importantes da súa historia. As pontinas comprobaron a esixencia dunha nova categoría ante un rival intenso e competitivo, pero tamén demostraron capacidade para competir e reaccionar ante as dificultades. O resultado non fai esquecer o significado deste día: o inicio dun novo camiño para o conxunto pontino, que seguirá traballando para medrar, adaptarse e defender con orgullo o nome da Escola de Fútbol Feminino Rosalía nesta nova etapa.
FICHA TÉCNICA
2-Orzán SD: Ana Seoane, Carmen, Paula, Aitana Vellón, Emma Gandoy, Daniela Macedo, Ángela Cotelo, Carmen (Zaitoon 62′), Azucena, Daniela Barbazán (Irene 62′) e Sonia Barbeito (Martina 71′).




Goles
1-0 (minuto 1) Daniela
2-0 (minuto 53) Ángela
Tarxetas
Amarela (minuto 65) Paula



E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino