San Pedro-Rosalía: a polo primeiro triunfo en Iñás

As pontinas afrontan este sábado a oitava xornada da Terceira Federación Feminina ante un vello coñecido (16:00 h; Municipal de Iñás – Nano García, en directo por tiivii.gal).

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía visita este sábado, 31 de outubro, ao Atlético San Pedro no encontro correspondente á oitava xornada da Terceira Federación Feminina. O conxunto dirixido por Alberto Tamayo buscará estrear o seu cadro de vitorias sobre o terreo de xogo nun escenario que trae recordos recentes e ante un rival co que mantivo intensos duelos durante a pasada campaña.

As ‘azuis’ chegan á cita despois de sumar o seu primeiro punto sobre o céspede no empate sen goles fronte ao Victoria CF ‘B’ en Oira. Un encontro no que as pontinas ofreceron unha imaxe competitiva, xeraron ocasións para levar os tres puntos e atoparon na gardameta Karla unha das súas xogadoras máis destacadas. O empate, unido aos tres puntos concedidos pola retirada do Domaio, sitúa ao Rosalía na duodécima posición con catro puntos.

O encontro terá tamén o aliciente do regreso de Alberto Tamayo ao banco, despois de cumprir os dous partidos de sanción que lle impediron dirixir ao equipo desde a banda nas últimas xornadas. O técnico recupera o seu lugar nun compromiso importante para transformar as boas sensacións do último partido nun resultado positivo.

Os precedentes entre ambos os equipos engaden interese ao duelo. A pasada tempada, noso sénior conseguiu unha vitoria por 1-2 en Iñás grazas a un dobrete de Noui, mentres que o San Pedro respondeu cun triunfo por 0-2 en Oira. Posteriormente, volveron verse as caras na fase de ascenso á Terceira Federación. As coruñesas gañaron 1-0 na ida e, na volta, as pontinas impuxéronse por 2-1, aínda que o San Pedro acabou levando a eliminatoria na quenda de penaltis (3-5).

“Temos que saír con personalidade, sen medo a equivocarnos e convencidas de que podemos traer os tres puntos”, Alberto Tamayo.

Na previa daquela eliminatoria, Tamayo xa advertira da dificultade de xogar en Iñás: «Sabemos que enfronte teremos a un rival moi forte, especialmente no seu campo». Unha esixencia que volve estar presente neste novo capítulo entre dous equipos que se coñecen perfectamente. O técnico pontino, que regresa ao banco despois de cumprir dous encontros de sanción, afronta con ilusión o compromiso deste sábado: “Sempre queres estar preto das xogadoras, vivir o partido desde a banda e poder axudalas en cada momento. Foron dúas xornadas diferentes para min, pero o equipo traballou ben e o importante agora é centrarnos no que temos por diante”. Sobre o momento que atravesa o equipo, Tamayo destaca a evolución do grupo: “O outro día ante o Victoria demos un paso adiante. Fomos un equipo máis sólido, competimos ben e tivemos ocasións para conseguir algo máis. Temos que seguir nesa liña, pero sendo conscientes de que necesitamos mellorar a eficacia nas áreas. Estamos facendo cousas ben e os resultados teñen que acabar chegando”.

No apartado ofensivo, Sampayo, con dous tantos, encabeza a relación de goleadoras do Rosalía, mentres que Miriam e Noui suman un gol cada unha. As pontinas buscarán mellorar a súa eficacia nos últimos metros e dar continuidade á solidez e á capacidade de traballo amosadas na última xornada.

CONVOCATORIA

San Pedro
O Atlético San Pedro afronta o encontro desde a undécima posición, con cinco puntos. O conxunto coruñés presenta un balance de dez goles a favor e 23 en contra, e chega á cita despois de empatar 2-2 ante a EFM Concello de Boiro na pasada xornada. A principal referencia ofensiva do equipo é Alba Martínez, que suma sete tantos en sete partidos e ocupa os primeiros postos da clasificación de goleadoras da categoría. Xunto a ela destaca María Mouriz, con tres goles. Dúas futbolistas que concentran boa parte da produción ofensiva dun San Pedro que buscará facerse forte ante a súa afección.

O Municipal de Iñás – Nano García acollerá así un novo duelo entre dous equipos separados por un só punto na clasificación e que comparten o obxectivo de recuperar terreo na competición. Para noso equipo será unha nova oportunidade de dar un paso adiante e conseguir unha vitoria que reforzaría a confianza do grupo.

Directo: https://tiivii.tv/player/23651

Check Also

Celta-Rosalía: na busca de dar a sorpresa na Madroa

O conxunto pontino visita o RC Celta As Celtas B este domingo, 18 de outubro, …