A Escola de Fútbol Feminina Rosalía afronta o seu debut en Liga coa necesidade de callar un partido convincente que alimente a seguridade no novo proxecto que recentemente arrinca.
Tras un intenso verán no que ocorreu case todo o que pode suceder, con varias saídas, incluído un cambio no banco e varios amigables disputados que deixaron sensacións contrapostas ante equipos do mesmo grupo ou de superior categoría, a Escola de Fútbol Feminina Rosalía de Alberto Tamayo arrinca este domingo a liga no Municipal das Baloutas coa motivación de facer un bo partido que daría moita confianza, ese indiscutible valor engadido que dan os resultados e que resulta imprescindible cando o proxecto, como é o caso, é novo e aínda necesita tempo.
Non se pode falar de urxencias, porque apenas a tempada comeza e a este senior queda moito por rodar nunha categoría nova en canto a igualdade entre todos os equipos. Pero é obvio que o equipo necesita ter boas sensacións que lle reafirme nas súas ideas e filosofia.
En fronte espera un Mos ‘B’ que seguro quere demostrar desde o primeiro partido a súa condición de favorito ao ascenso despois de baixar de categoría esta campaña. Un equipo que non trae bos recordos ás nosas, xa que nos dous partidos nos que se enfrentaron ambos conxuntos na tempada 2021/22, a vitoria caeu do lado das moenses (3-1 nas Baloutas e 0-1 no Municipal de Oira).
Con todo o respecto do mundo o noso rival, porque neste campionato as confianzas tradúcense en derrotas, a Escola de Fútbol Feminina Rosalía, cunha lista de 16 convocadas, debe saír coa súa idea de xogo con resolución e fundamentalmente exhibir o seu estilo para a campaña 2023/24.