Zaira adiantou á EFF Rosalía antes do descanso e rubricou o triunfo que coloca ás pontinas líderes provisionais á espera que Lóstrego ‘B’ xogue o seu partido.
A novena. E non fixo falta rezar unha para que unha nova vitoria (0-1) caese en casa do Pontellas ao lado das nosas. A Escola de Fútbol Feminina Rosalía continúa con pleno de triunfos dende a xornada 6. As de Tobaruela lograron o noveno consecutivo ao vencer ao Pontellas no San Campio-2 e colócanse líderes do campionato á espera da disputa do partido aprazado entre Vilariño e Lóstrego ‘B’. Zaira volveu demostrar o seu olfato cara gol e deu os tres puntos ao noso equipo cun tanto nos primeiros 45 minutos.
O partido foi igualado e intenso e as locais saíron a por todas desde o minuto un, cando Patricia tentou sorprender a Rocío cun disparo desde a frontal, a gardameta despexa a córner. Aos catro minutos, Alexia pon en apretos novamente a Rocío, que bloca o balón en dous tempos. O dominio inicial chegaba desde o bando local. Adriana non acertou coa portería nun remate de cabeza a centro de Olivia. Antesala do susto do encontro. Nun balón solto Vicky e Ángela, gardameta local, chocan e a dianteira ten que saír do terreo de xogo ao sentirse mareada. Pouco despois, con Vicky novamente no terreo de xogo, chega o gol azul coa dianteira como protagonista despois dunha gran internada pola banda. A ourensá inicia o ataque desde o sector dereito, seu centro envíao a córner Marta ao verse presionada por Ester. Candela execútao e Laura remata ao poste no segundo pau, o rexeite remátao en semifallo Lú e Zaira, moi atenta no primeiro pau, contrólao e envía o balón ao fondo da rede con Ángela vencida (0-1, minuto 23).
As nosas deron un paso adiante e cinco minutos despois, Candela envía alto unha falta ao bordo da área. A resposta visitante, tamén a balón parado. Marta dispara desde 30 metros e o balón pasa rozando o traveseiro. Ester puido aumentar a vantaxe no 38′ tras roubarlle a carteira a Lara e plantarse cara a cara coa gardameta rival, pero a defensa local recuperou o seu sitio e despexou a banda.
Gran labor defensiva
Tobaruela moveu as súas fichas e deu entrada a Feijóo e Noui por Sabela e Vicky e o equipo gañou en consistencia defensiva. A vitoria non estaba pechada, pero para cambiar a tendecia do xogo, a mellor alidada do Rosalía sería a paciencia, sendo consciente de que, atrás, o equipo resolvia con solvencia as poucas ocasións de perigo das porriñesas entre a zaga e Rocío; e que, arriba, podería caer como froita madura algunha acción ao contragolpe. Pontellas apretou e comezou a encadear chegadas, pero sen inquietar á nosa porteira, salvo aos cinco minutos da continuación, cando Jimena recupera na medular, cambia o xogo á dereita e o seu tiro o bloca Rocío.
A pesar de insistir, foi a última chegada de perigo local. As de Tobaruela aproveitaron para facer dano ao contragolpe, pero sen fortuna cara portería. As ocasións, primeiro de Ester, Ángela bloca en dous tempos. Aldarita remata alto unha boa triangulación entre a centrocampista, Bonjoch e Zaira, corría o minuto 55′ de partido. Dez máis tarde, Zaira saca un córner e Alexia a punto estivo de marcar en propia porta, pero Ángela, rápida de reflexos, despexa na mellor intervención do partido. Dous minutos máis tarde, proba fortuna Candela, o seu tiro sae pegado ao poste. A tensión estaba dividida entre os dous bancos e a punto do asubío final, no minuto 88′, xogada moi protestada polo público local. Patricia saca un centro desde o perfil dereito e o balón golpea entre o cóbado e o peito de Laura, Raul Casal decide que non é penalti. Inmediatamente despois, Feijóo inicia a contra cunha recuperación na medular, continua Noui e asiste á carreira da defensa, pero Uxía, coa súa presión provoca o mal remate de Feijóo con Zaira en área pequena en boca de gol. Co tempo cumprido, puido chegar a sentenza e tranquilidade en dúas xogadas no tempo de desconto. Feijóo, tras outra recuperación, ve oco e o seu tiro sae desviado, pero máis clara a de Sampayo. Centro de Noui desde o sector esquerdo e a defensa aparece no segundo pau, o seu tiro alto. Non houbo tempo para máis.
Novena vitoria consecutiva
Non era fácil o escenario, onde as porriñesas deféndense con uñas e dentes, pero os tres puntos, que é o importante, voaron finalmente cara a Ponte. O noso senior avantaxa agora en dez puntos a Pontellas e déitase líder virtual á espera do partido que disputarán mañá martes Racing Vilariño e Lóstrego ‘B’. Por diante, esperan dúas semanas sen partidos oficiais coa mirada posta nos dous seguintes compromisos fronte a Vilariño no Municipal de Oira e Unión Guardesa na Sagriña, logo chegará o duelo entre os dous primeiros na Ponte. Apunten a data, día do pai, EFF Rosalía-Lóstrego ‘B’.