1-6: Rosalía exhibe xogo e pegada para recuperar o sorriso ante o Porriño

As pontinas sumaron os tres puntos grazas ao dobrete de Noui e os goles de Sabela, Zaira e Sanmiguel.

Aline, Sara, Aitana, Nair e Sanmiguel, do Cadete, completaron unha convocatoria con moitas baixas.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía aproveitou o seu enfrontamento cun dos equipos que máis goles recibe en casa da categoría, o Porriño Industrial, para exhibirse (1-6). As pontinas melloraron en xogo e sobre todo pegada respecto a anteriores compromisos para asinar a segundo maior goleada a favor da presente tempada en canto aos seus intereses. Un triunfo avultado que lle vén ben para confirmar a quinta praza, pero xa sen opcións de fase de ascenso, na clasificación da 2.ª División Galega e para coller forzas para o seu próximo compromiso: o domingo 19 de maio, desde as 12:00 horas no Municipal de Rebordelo ante o Calo, na última xornada de Liga.

Alberto Tamayo moveu pezas e alterou o seu esquema habitual, situando a Silvia Sampayo como defensa central e Aroa de mediapunta, deixando no mediocentro a Bonjoch con Nair e arriba a Zaira. A alteración foi para ben e pronto o fútbol das azuis foi fluíndo. Zaira puido abrir o marcador aos dous minutos, pero Aroa Bande gáñalle a partida. A partir de aí chegaron os goles. O primeiro, tras un golpeo directo de falta de Sabela. Era o 0-1 que abría a lata, circunstancia que espoleó ás nosas. No ecuador do primeiro tempo, o rexeite de Aroa caeu nas botas de Clau, que cruzou a pelota para superar a estirada da gardameta rival (0-2, minuto 23). Tres minutos despois, Zaira presentouse ante Aroa Bande e o seu disparo despéxao a gardameta. Acurtou distancias Porriño por medio de Dolores, a dianteira rouboulle a ‘carteira’ a Aldarita ao bordo da área e superou a Noa no man a man.

Tras o paso polos vestiarios, a tónica cambiou durante os primeiros minutos, Porriño tenta recuperar a desvantaxe. Co equipo de Tamayo facendo dano con balóns ás costas da liña defensiva adiantada, Noui, protagonista a pasada tarde do domingo, remataba ao fondo da rede un pase maxistral de Aline que a deixaba cara a cara con Aroa Bande. Faltaba un minuto para a hora de xogo e, un minuto despois de superar a hora, chegou o 1-4. Neste festival goleador, Noui, facía dobrete, o segundo da súa conta, un chute inapelable no segundo pau tras un centro de Clau desde o sector dereito. Antes do gol que pechada a goleada, Zaira levábase o seu premio e, tras un rexeite provocado por un tiro de Sanmiguel, batía con seguridade a Aroa Bande. A dianteira devolvíalle o favor a ‘Miguelón‘, debutante no equipo sénior, asistindo á dianteira no sexto. Seis goles para devolver, con xustiza, o sorriso ao equipo pontino.

FICHA TÉCNICA.

1-Porriño Industrial: Aroa Bande, Marta Besada, Lucía, Ana, Nerea, Jordana, Lara (Daniela, 77′), Zaira Ocampo (Natalia, 83′), Dolores, Laura (Adele, 54′) e Ana.
6-EFF Rosalía: Noa, Aldarita, Zaira, Clau (Sanmiguel, 73′), Bonjoch, Aroa (Aline, 57′), Noui, Sampayo, Sabela, Aitana (Matilde, 64′) e Nair (Sara Domínguez, 64′).

Goles:
0-1 (min. 20′): Sabela.
0-2 (min. 24′): Clau.
1-2 (min. 41′): Dolores.
1-3 (min. 59′): Noui.
1-4 (min. 62′): Noui.
1-5 (min. 77′): Zaira.
1-6 (min. 86′): Sanmiguel.

Check Also

Rosalía-Boiro: A fase de ascenso en xogo

As de Tamayo mídense ao segundo clasificado co obxectivo de acurtar a súa vantaxe de …

Skip to content