Fin de semana Liga Cadete

Derrota do equipo ‘Azul’ e empate do ‘Amarelo’.

Fin de semana de compromisos oficiais para todos os equipos da liga Cadete da Escola de Fútbol Feminino Rosalía. Derrota do ‘Azul‘ e empate do ‘Amarelo‘.

Gran esforzo das nosas xogadoras a pesar das baixas.

EFF Rosalía ‘Azul’-Viajes InterRías FF (0-3)
As baixas, en especial na portería e un rival que non perdera nos seus últimos seis compromisos, foron demasiado lastre para o noso equipo, que non puido lograr puntos no Municipal de Oira. Non podía empezar o partido de peor maneira. InterRías adiantábase no marcador aos tres minutos do comezo por medio dun disparo desde o bordo da área de Alba Barreiro. Non habería mais chegadas de perigo ata superado o medio tempo. Uxía Sabarís recibe un pase filtrado e encara a Lucía Torres, porteira de emerxencia, que despexa e o rexeite envíao ao fondo da rede Kira, pero Uxía Boimorto sinala fóra de xogo. No minuto 36′, a resposta local nunha boa xogada colectivatermina co centro de Tegra a Xiana, pero Lara adiántase e despexa o perigo. Co tempo case cumprido, Aora quedou a centímetros de aumentar a vantaxe e a primeira metade terminou con 0-1 a favor das lilainas.

Catro minutos despois da continuación, Olaia envía unha falta directa pegada á escuadra. Inmediatamente despois, Aroa Meis recupera a posesión cedendo a Carla, que non acerta entre paus coa portería baleira. As de Lucilú buscaban a sentenza e no minuto 55′, unha xogada de mala sorte, serviu para anotar o seu segundo gol. Nerea, cun forte chute desde fóra da área envía o esférico ao fondo da rede tras escorrérselle entre as mans á nosa gardameta. Este gol deu ás ás visitantes e, dez minutos despois, Nerea volve probar sorte desde o centro do campo, anotando o definitivo 0-3.

Tomiño FCF-EFF Rosalía ‘Amarelo’ (2-2)
Meritorio empate do equipo de Javier Alonso na súa visita a Tomiño nun partido no que se adiantou, pero que tivo que rescatar un punto nos minutos finais. Despois dunha primeira metade igualada, así o reflecto o marcador cun 0-0, chegaron os goles tras o paso por vestiarios. Sabela adiantou ao noso equipo no minuto 48′, igualando Albela nove minutos despois. No 69′, novamente Albela deu volta ao gol inicial azul e, a tres minutos do asubío final, Sofía igualaba o encontro e ampliaba a súa serie a catro partidos invictas.

Check Also

Fin de semana Liga Cadete

Derrota do equipo ‘Amarelo’ e partido adiado do ‘Azul’ na súa viaxe a Valladares.Penultima xornada …

Ir o contido