Añón asina no 90+2′ o 3-2 ante o Lóstrego B tras un partido de dominio local, reacción visitante e desenlace épico
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía impúxose ao Lóstrego CF B por 3-2 en Oira, na xornada 24 da Primeira División Galega Arzúa-Ulloa DOP, grazas a un gol de Laura Añón no minuto 90+2′. O conxunto pontino foi superior en moito tramos do encontro, dispuxo de varias ocasións claras na primeira metade, viu como o filial visitante remontaba o 1-0 e acabou levándose o partido no desconto.
O noso sénior saíu mandando e xerou as primeiras chegadas con rapidez a pesar de varias fases de impresicións no pase. Noui avisou no minuto 7′ cun disparo que saíu rozando o pau e volveu tentalo pouco despois cun tiro que atrapou Ángela. Dende o bando contrario, Olivia, tras unha recuperación na presión, rozou o gol cun chute desde fóra da área que se estrelou no traveseiro. As pontinas seguiron insistindo por fóra e creando perigo. Noa protagonizou unha boa acción pola dereita tras apoiarse en Sampi, mentres que Losada estivo dúas veces cerca do 1-0: primeiro cun remate ao poste tras centro de Sampi e despois con outro remate fóra tras envío de Bouzas. Antes do descanso, ademais, Noui dispuxo dun man a man tras asistencia de Sampi e probou sorte de novo desde a frontal, pero o marcador non se moveu.
“Esta vitoria di moito do carácter do grupo”, Alberto Tamayo
O partido rompe tras o descanso
O premio ao empuxe local chegou no minuto 54′. Noa volveu aparecer polo sector dereito e puxo un centro ao primeiro pau que Noui converteu no 1-0. As pontinas atoparon por fin o gol que viña merecendo, pero o Lóstrego B reaccionou con contundencia. Só tres minutos máis tarde, María asinou o empate, e no 64′ Ana Cordeiro completou a remontada visitante co 1-2. En apenas dez minutos, o partido cambiara por completo e o conxunto de Alberto Tamayo estaba obrigado refacerse. Lonxe de virse abaixo, o conxunto local mantivo a fe e volveu meterse no partido no minuto 76′. Tras un despexe defensivo de Añón, Noui prolongou a xogada de cabeza e Bouzas apareceu entre as centrais para acomodarse o balón e picalo ante a saída de Ángela, asinando un gran 2-2. Cando o encontro parecía destinado á repartición de puntos, Rosalía atopou o premio maior no tempo engadido. No minuto 90+2′, Bouzas executou un córner ao segundo pau e Añón rematou ao fondo da rede para selar o definitivo 3-2 e desatar a alegría en Oira. A vitoria permitiu as locais pechar un partido intenso e moi traballado cun final de máxima emoción.
Ao remate, Alberto Tamayo valorou así a vitoria para a nosa web: “Foi un partido moi competido, pero o equipo creu en todo momento no que estaba a facer. Na primeira parte xa xeraramos ocasións suficientes como para ir por diante”. “Gañar así, no desconto e despois de refacernos dun 1-2, reforza moito ao vestiario”, engadiu.
FICHA TÉCNICA
3-Rosalía: Karla, Aldarita, Noa , Antía Rodríguez (Antía, 46′), Sampi, Mihret, Noui, Miriam (Nair, 75′), Bouzas, Losada (Añón, 46’) e Aline Delgado.
2-Lóstrego ‘B’: Ángela, Olivia, Mía (Carolina, 90’), Uxía, Ainoha, Laura, Vanesa (Ana Cordeiro, 29’), Alba, María, Amandha e Paula Santamarina.
Goles
1-0 (min. 54): Noui
1-1 (min. 57): María
1-2 (min. 64): Ana Cordeiro
2-2 (min. 76): Bouzas
3-2 (min. 90+2): Añón
Tarxetas
Amarela (min. 32): Mía
Amarela (min. 33): Gabi Couñago
Amarela (min. 63): Laura Vázquez
Amarela (min. 78): Amandha
Amarela (min. 79): Alberto Tamayo
Amarela (min. 80): Mihret
Amarela (min. 85): Paula
Vermella (min. 90): Oscar Vila
Vermella (min. 92): Olivia




E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino