O noso equipo deixou boas sensacións na súa estrea de pretemporada ante un rival de entidade e nun encontro no que debutaron dous dos reforzos para a nova tempada.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía disputou o seu primeiro partido de pretemporada no XI Trofeo Sanxenxo de fútbol feminino, no que se enfrontou ao Vilalonga, conxunto recentemente descendido dunha categoría superior. Un esixente primeiro test para as nosas, que terminaron caendo por 2-0 nun encontro moito máis igualado do que reflicte o marcador.
O Vilalonga saíu mellor ao partido e dominou a posesión durante os primeiros minutos, obrigando ao conjunto pontino a defender en campo propio, aínda que sen xerar ocasións claras. Aos poucos, as nosas foron adaptándose ao terreo de xogo e perdendo o respecto inicial ao rival. Superado o minuto 20, o encontro equilibrouse e comezaron a chegar tamén as primeiras aproximacións do conxunto ourensán. A mellor oportunidade das ‘azuis’ neste tramo chegou por medio de Aldarita, que estivo preto de aproveitar un envío de Candela nunha falta lateral. O Vilalonga respondeu cunha chegada a balón parado. A forte calor obrigou a realizar unha pausa de hidratación no minuto 28, cando o partido xa se atopaba moito máis nivelado. Con todo, no 34’, un centro desde a banda dereita foi rematado de cabeza por Emma para facer o 1-0. Pesar ao resultado, noso sénior alcanzou o descanso ofrecendo unha boa imaxe e competindo de ti a ti ante un rival de superior categoría.
Tras o paso polos vestiarios, o encontro continuou moi disputado, especialmente no centro do campo. No minuto 59 chegou o segundo tanto local. Unha acción que o conxunto de Tamayo non conseguiu resolver na zona central terminou cun disparo afastado de Carla que golpeou no poste antes de introducirse na portería para establecer o 2-0.
O habitual carrusel de cambios dun partido de pretemporada fixo que o encontro perdese intensidade no seu tramo final. Ás visitantes custoulles atopar espazos para chegar a zonas de perigo, mentres que o Vilalonga tampouco dispuxo de demasiadas oportunidades para ampliar a súa vantaxe.
O encontro serviu ademais para ver por primeira vez coa camiseta do EFF Rosalía a dous dos reforzos incorporados para a nova tempada, que sumaron os seus primeiros minutos co equipo. Derrota por 2-0, pero bo primeiro exame para un Rosalía que comeza a acumular minutos e a adaptarse ao nivel de esixencia que atopará esta tempada en categoría estatal. Primeiro paso dunha pretemporada deseñada para chegar nas mellores condicións ao comezo da competición.
“Este partido sérvenos para comprobar que a nova categoría vai ser outra cousa”, Alberto Tamayo
Tras o encontro, Alberto Tamayo valorou positivamente o primeiro test de pretemporada do seu equipo: “Sabiamos que iamos enfrontarnos a un rival moi esixente, recentemente descendido dunha categoría superior. Ao principio custounos entrar no partido, tivemos demasiado respecto, pero co paso dos minutos fomos soltando e creo que durante moito fases conseguimos competir de ti a ti”. O técnico destacou especialmente a resposta do equipo tras os primeiros minutos: “Despois dese inicio fomos capaces de igualar bastante o xogo, tivemos a nosa oportunidade e chegamos ao descanso con boas sensacións. O resultado é o de menos agora mesmo; o importante é ir collendo ritmo, asimilando conceptos e vendo como responde o equipo ante rivais que nos esixen”.
Tamayo tamén incidiu no salto de nivel que afrontará o Rosalía esta tempada: “Este partido sérvenos para comprobar que a nova categoría vai ser outra cousa. Imos atoparnos equipos con máis ritmo, máis físico e que penalizan moito máis os erros. Temos que afacernos a esa esixencia desde a pretemporada”.
Por último, mostrouse satisfeito coa estrea das novas fichaxes e co traballo do grupo: “Estamos aínda ao principio, hai xogadoras novas que teñen que adaptarse e hoxe dúas dos reforzos puideron disputar os seus primeiros minutos. Quédanos moitísimo traballo, pero este tipo de partidos son os que nos van a axudar a crecer e a chegar preparados ao comezo da competición”.


E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino