0-1: Derrota ante o Mos ‘B’ nun partidazo

Zaira tivo o empate nas súas botas nun encontro digno dun guión de Hollywood.

O Mos puxo o xogo na primeira metade e Rosalía deulle a volta na segunda no seu regreso ao Municipal de Oira, pero o Mos tivo máis puntería para gañar o partido. Houbo de todo, un gol “olímpico”, un penalti fallado, decisións arbitrales discutidas e moita tensión nos últimos minutos, un guión de Hollywood futbolístico. Zaira, de penalti, puido empatar no 75′ o tanto que marcara Candela na primeira metade. A EFF Rosalía encaixou un castigo demasiado severa fronte ao actual líder, un Mos ‘B’ que se viu maniatado durante boa parte da segunda metade.

O conxunto pontino mostrou unha cara inmellorable durante os noventa minutos, pero foron as “avispas” as que levaron o peso do partido desde o comezo exercendo unha presión moi intensa na saída de balón que lle causou moitos problemas á azuis, impotentes na súa faceta de creación de xogo. As de Saa intentaban saír á contra e tiveron a primeira. O lanzamento de Aida obrigou a intervir en dous tempos a Ángela no 11′. Volveuno a intentar a centrocampista un minuto despois. O seu disparo dentro do área, algo escorada, marchouse ao lateral da rede. Na xogada posterior intentárono as visitantes a balón parado. Marta realiza o lanzamento que bloca Rocío. Un minuto despois Candela avisa do que faría 18 minutos despois, o seu tiro sae alto.

Máis ocasións
As xogadas de perigo do equipo de Roberto Sueiro sucedíanse prácticamente cada minuto. Recibiu Sara Cuíñas dentro do área no 23′ e o seu disparo detívollo Rocío. Logo intentouno Arantza, que rematou alto no 27′ e Rocío despexou con seguridade un balón en profundidade das visitantes nunha boa xogada de perigo das visitantes. Na xogada inmediatamente posterior, falta a favor do Mos moi escorada pegada ao córner. O centrochut de Candela no 32′ despéxao a porteira baixo paus e tras tocar no longueiro cóase dentro da portería, o 0-1 subía ao marcador. Antes do descanso intentouno Ana tras unha boa xogada de Ester, o seu disparo sae fóra por pouco.

As visitantes celebrando o gol de Candela Rodríguez.

Cambiou o guion do encontro tralo paso polos vestuarios. A EFF Rosalía volveu ser o equipo agresivo en tres cuartos de campo, dificultando o xogo das de Roberto Sueiro, que aínda así deron o primeiro aviso cun tiro afastado de Arantza sen inquietar a Rocío. Saa introduciu refresco sobre o terreo de xogo e notouse cun conxunto azul reactivado que obtivo o seu premio no minuto 75′ tras un centro de Fara, Lara empuxa a Noui cando intenta rematar e Prendes Cabanelos sinala o punto de penalti. Aínda que desaproveitaron a súa mellor oportunidade as azuis, o lanzamento de Zaira desde os 11 metros despéxao Ángela ante a alegría do banquiño visitante. Moita tensión no campo e numerosas faltas por parte de ambos equipos, o que obrigou ao colexiado do encontro a sacar varias tarxetas amarelas e perdoar unha vermella a Marta por dar unha patada co balón fóra a Silvia. Seguían buscando as locais o tanto que lles dese o empate. Falta de Fara e o seu centro-chut coa dereita deteno en dous tempos Ángela cando Noui dispoñíase rematar no 82′. Cinco minutos despois nova falta que saca Fara e o remate de Lidia tras rexeitalo a defensa amarela sae pegado ao pau. A Escuela de Fútbol Femenina Rosalía fixera méritos dabondo para marcar, pero o gol non chegaba. O equipo azul intentouno ata o final e puido empatar no 93′ tralo disparo de Fara, que detivo a cancerbera moense.

Xogada do penalti de Lara sobre Noui no minuto 74′.

Non había tempo para máis e o equipo xa pensa no partido da xornada 15 fronte ao Valladares. A derrota de onte unida á vitoria de Peñasco en casa do Lóstrego, coloca ás pontinas no cuarto posto da táboa tras Mos ‘B’, Peñasco e Loóstrego ‘B’, a seis, tres e dous puntos respectivamente, cun partido menos.

Check Also

Rosalía-Boiro: A fase de ascenso en xogo

As de Tamayo mídense ao segundo clasificado co obxectivo de acurtar a súa vantaxe de …

Skip to content