2-1: O sénior eliminado no play-off de ascenso

A derrota pola mínima en Noia deixa ás pontinas sen a posibilidade de seguir loitando polo ascenso.

A Escuela de Fútbol Femenina Rosalía non puido lograr o pase á última eliminatoria do play-off de ascenso a Primeira División. O sénior baleirouse ante o Noia no Anexo Julio Mato e pelexou pola vitoria durante os 96 minutos que durou o encontro. As pontinas estiveron dentro da eliminatoria en todo momento e mantiveron a esperanza da remontada ata o último minuto.

Na primeira metade ambos equipos tiveron ocasións para marcar, ainda que as ocasións mais claras foron para as visitantes. A primeira foi para o Noia cun chut dentro do área de Sandra que bloca Rocío. Deu a réplica o equipo pontino cun remate de Laura Añón á saída dun córner (14′). Catro minutos despois volveu probar sorte cunha boa xogada colectiva entre Sabela, Fara e Noui, pero o remate da dianteira pega no trabesaño. A reacción branca fíxose esperar e, tras un tiro afastado de Melania, Rocío para sen problemas.

A partir da media hora de xogo, Rosalía incrementou o ritmo e a intensidade, e foi Fara cun remate de bolea a que estivo a piques de ver porta. Con todo, no minuto 41, Noia tivo a máis clara ata o momento do equipo local cun lanzamento de falta de Xulia que Rocío conseguiu despexar a córner. Despois do paso por vestuarios, o conxunto noiés puido adiantarse noutro lanzamento de falta desde o bordo do área de Noelia ao que reaccionou cunha gran intervención Rocío enviando o balón a córner

Zaira marcou o 2-1 cun gol olímpico no minuto 78′ da segunda metade.

Os ‘detalles’ deciden a eliminatoria
Melania conseguiu adiantar ás locais no posterior córner tras non acertar no despexe a defensa azul e sorprender cun centro-chut ao que nosa gardameta non puido facer nada no minuto 52′. O gol afectou anímicamente ás nosas, que tardaron 15 minutos en levar o perigo ao área de María Julia. Aldarita xera o perigo desde o sector dereito e o remate de cabeza de Zaira sae desviado. Na seguinte xogada, tras unha falta sen perigo en campo local, Noia aumenta a vantaxe aos 70′ minutos de xogo. Noelia colga o esférico ao área e Adriana aproveita un balón morto no área pequena tralo erro no despexe de Feijóo e Añón para superar a Rocío cun tiro cruzado. O segundo gol local parecía acabar coas esperanzas pontinas, pero as xogadoras de Tobaruela buscaron o empate ata o último instante a pesar do gran desgaste físico acumulado. Oito minutos despois, a reacción azul tivo a súa recompensa ao traballo realizado. Zaira sorprende a María Julia cun gol olímpico á saída dun córner desde a dereita. A pesar do cansazo, quedaban 12 minutos máis o desconto para o final e Rosalía non se ía a dar por vencida. Sandra, cun tiro desde 30 metros, tivo a sentenza nas súas botas e, unha vez máis, Rocío respondeu cunha boa intervención. Co tempo cumprido, Zaira dispuxo dunha ocasión cun libre directo, pero o seu tiro o bloca a gardameta local en dous tempos.

A Escuela de Fútbol Femenino Rosalía quédase, así, ás portas de lograr o acceso á final da fase de ascenso ante un dos equipos punteiros da competición e cae eliminada da loita por xogar en Primeira división autonómica pola mínima por segundo ano consecutivo en semifinais e a domicilio.

Check Also

Touro-Rosalía: a polo cuarto posto

O noso equipo visita o Municipal de Loxo no encontro da 22.ª xornada de Liga …

Skip to content