3-1: Vitoria con hat-trick de Victoria

Os tantos da dianteira, tres, dan o triunfo á EFF Rosalía fronte ao San Mateo.

A Escola de Fútbol Feminina Rosalía gañou ao San Mateo no Municipal de Oira e sumou tres novos puntos na liga. O noso equipo decidiu o encontro no desconto, no que marcou Vicky o gol da tranquilidade. A dianteira abriu o marcador á saída dun córner. Xa na segunda metade Vicky, tras un pase de gol de Zaira aumentou distancias, María, asistida por Pilar meteu o medo no corpo, pero novamente Vicky no pechou a vitoria no 90+5′.

O partido comezou con dominio por parte das de Tobaruela e ocasión de Noui que desbarata Noelia. Na xogada posterior tamén creou perigo o Rosalía, pero Olaia despexa o remate de Sabela na liña de gol tras chocar Vicky e Noelia no comezo de xogada, que a posteriori provocaría a retirada do campo da gardameta visitante. Esa ocasión precedeu ao primeiro gol das pontinas. Zaira executa o córner e a pequena dianteira remata un balón solto en área pequena aos 13′. Dous minutos despois puido chegar o segundo nun remate de Vicky na área grande que despexa Noelia e cando estaba a piques de rematar de segundas estivo máis rápida Olaia.

A Escola de Fútbol Feminina Rosalía estaba a facer gozar á súa afección, que minutos despois recibiu o primeiro susto. María filtra entre liñas e o remate de Pilar o bloca Rocío. Sete minutos despois puido empatar Carolina, aínda que Laura cortou o posible man a man coa nosa porteira.

Vídeo: Partido completo

A segunda metade comezou con susto tras o disparo pegado ao pau de María. A resposta pontina chegou con outro balón que terminou fóra. Vicky recupera e preséntase soa ante Paula Tellado e remata desviado. As ‘laranxas’ saíron dispostas a empatar e apertaron os primeiros minutos grazas a un mellor dominio do centro do campo. No 56′ si marcou Vicky o segundo. Zaira inicia o ataque desde a dereita e o seu balón ás costas das centrais deixa soa á dianteira ante Paula Tellado, o seu remate a media altura acaba no fondo da rede.

As nosas recuperaron o dominio do xogo con varias ocasións de perigo en ataque, pero quen recortou distancia foi Santo Mateo no 90′. Pilar inicia un rápido contragolpe e asiste a María que cruza o balón á dereita de Rocío. Nos minutos de desconto, a sensación era que estaba máis cerca o empate que un novo gol local, pero apareceu Vicky para sentenciar. O pase foi de Aldarita e a pichichi azul fixo o resto. Controlou o balón, desfíxose dunha defensa en velocidade e cruzou lonxe da estirada da gardameta rival nunha xogada protestada por fóra de xogo polas visitantes. De aí ata o final, as de Tobaruela seguiron tendo ocasións pero o marcador non se moveu.

Check Also

A EFF Rosalía estréase ante o seu público cun solvente triunfo

Laura e Noui puxeron os goles pontinos nun duelo no que as visitantes mereceron máis.A …

Skip to content