4-1: O mellor comezo para a segunda volta

As azuis logran tres puntos valiosos para seguir nos primeiros postos nun partido no que se adiantaron con dous goles de xogadas fortuítas, para logo sentenciar con goles de Ana e Fara.

Era unha proba de lume, un exame de nivel para valorar a melloría da Escuela de Fútbol Femenina Rosalía cara a segunda volta a pesar de non ser un dos seus mellores partidos. E saíron reforzadas. As azuis iniciaron o ano no Municipal de Oira goleando ó San Mateo. O equipo pontino marchouse con vantaxe ao descanso tras dous goles en xogadas fortuítas, un gol en propia porta e tras un rexeite. Na continuación Ana continua co seu idilio goleador, marcou un tanto e deu unha asistencia. No 71’ reduciu distancias o San Mateo na xogada “tonta” do partido. Noa Fírvida cede o balón a Rocío e o balón acaba en gol.

O primeiro gol do encontro chegou no minuto 27, aínda que calquera dos dous equipos puideron facelo antes. A primeira ocasión no 2’. O remate de Ana pega no exterior da rede. A resposta visitante en dúas ocasións en tres minutos, entre o 4′ e o 7′. Os remates afastados de Lucía e María Estévez acaban nas mans de Rocío. Ambos os equipos xogaban con moito respecto, sen ocasións claras, pero coa idea fixa de non dar facilidades ao rival. Superado o primeiro terzo de partido, as de Saa levaban o peso do xogo e tras unha falta lateral chegou o primeiro. Centrou Fara no 27’ e o despexe de Olaia acabou na súa propia portería, 1-0. San Mateo non se veu abaixo e apropiouse do encontro. Minuto 29, tripla ocasión que despexa Rocío fora. No 35′, a máis clara das visitantes. Falta ao bordo da área sobre Pilar e ela mesma a tira, o traveseiro evita o tanto da centrocampista. Un minuto despois, Lucía escápase por banda pero o seu tiro, demasiado frouxo, atállao Rocío sen problemas. Cando mellor estaba a xogar o equipo laranxa, nova xogada de mala sorte para o segundo. Lidia asiste ao oco a Ana, sae Noelia e o despexe da porteira pega na dianteira e acaba dentro da portería.

Ana e Fara foron as goleadoras nun bo partido das dúas.

Apenas iniciada a segunda metade, Noui puido ampliar distancias pero o seu tiro cruzado escápase por pouco. Dous minutos despois, resposta visitante nas botas de Lucía pero detén Rocío. Ampliou distancias a EFF Rosalía no 59′. Noui recibiu escorada, combina con Fara e cun taconazo asiste a Ana definindo na escuadra ante Noelia. Eran os minutos de Ana e Fara, que no 62′ asinaban outra boa xogada entre as dúas. Recuperación no medio campo, balón a Ana, dáse a volta e cede a Fara. A interior entra dentro da área, regatea a Noelia e marca a porta baleira o cuarto. Tentou reaccionar San Mateo oito minutos despois cun tiro afastado de Pilar que sae pegado ao pau. Foi o preámbulo da xogada “tonta” do partido. Rocío saca en curto a Fírvida e a centrocampista devólvella, algo que non esperaba a porteira, o balón termina dentro da portería.

Ao final, vitoria local e tres importantes puntos para distanciar ao máximo rival na loita polos catro primeiros postos. Un San Mateo, que demostrou a súa progresión ao converterse no mellor visitante de vaino de competición no Municipal de Oira.

Check Also

4-0: O sénior golea e achégase ao obxectivo

Un tanto espectacular de Bonjoch, outro de Vicky e Zaira e Patri, en propia porta, …

Skip to content