A EFF Rosalía conquista o III Trofeo de Fútbol Feminino de Canedo

As ‘azuis’ impuxéronse a Unionistas de Salamanca e ao Victoria FC ‘B’ por idéntico resultado (1-0) para adxudicarse o triangular con pleno de vitorias e sen encaixar ningún gol.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía proclamouse campioa do III Trofeo de Fútbol Feminino de Canedo despois de superar a Unionistas de Salamanca e ao Victoria FC ‘B’ nun triangular que deixou bos minutos de fútbol e unha nova proba de preparación para o conxunto pontino. As de Alberto Tamayo pecharon o torneo cun balance perfecto: dous partidos, dúas vitorias, dous goles a favor e ningún en contra. O Victoria FC ‘B’ finalizou como subcampión, mentres que Unionistas de Salamanca ocupou a terceira posición.

Zai decide ante Unionistas
O torneo arrincou co enfrontamento entre a Escola de Fútbol Feminino Rosalía e Unionistas de Salamanca. Os primeiros minutos estiveron marcados pola igualdade, con ambos os conxuntos medíndose e tratando de atopar espazos sen asumir excesivos riscos. Co paso dos minutos, as pontinas comezaron a facerse co encontro, gañando presenza en campo contrario e levando progresivamente o partido cara aos seus intereses. A recompensa chegou no minuto 38. Amelia puxo un centro á área que Zai conseguiu rematar en primeira instancia. Ana rexeitou o lanzamento, pero a dianteira azul estivo rápida para recoller o balón, superar á guardameta cun caneo e envialo ao fondo da portería para establecer o 1-0. O gol terminou sendo suficiente para que a EFF Rosalía sumase a súa primeira vitoria da tarde.

O Victoria impón o seu dominio
O segundo encontro enfrontou a Unionistas de Salamanca co Victoria FC ‘B’. O conxunto coruñés tomou a iniciativa desde os primeiros compases e conseguiu xerar numerosas chegadas sobre a portería rival. O dominio do conxunto coruñés atopou moi pronto recompensa. Sofía abriu o marcador no minuto 5 e volveu aparecer no 21 para asinar o seu segundo tanto e establecer o definitivo 0-2. As coruñesas dispuxeron de novas oportunidades para ampliar a diferenza, aínda que o marcador xa non volveu moverse. Tras completar os seus dous encontros, Andrea, adestradora de Unionistas de Salamanca, valorou positivamente a posibilidade de disputar un torneo destas características durante a preparación do seu equipo. A técnica salmantina destacou a importancia de medirse a rivais esixentes neste momento da pretemporada e de utilizar este tipo de encontros para detectar aqueles aspectos que aínda necesitan corrección. Andrea incidiu igualmente na necesidade de continuar traballando, acumulando ritmo competitivo e mellorando de fronte ao comezo da tempada.

O resultado do segundo partido deixaba ademais todo aberto para o desenlace do triangular. EFF Rosalía e Victoria FC ‘B’ chegaban ao último enfrontamento cunha vitoria cada un e co título en xogo.

Unha final para decidir o campión
O Victoria saíu disposto a imprimir velocidade ás súas accións e buscar rapidamente a zona de finalización, mentres que as pontinas apostaron por manter a orde, esperar o seu momento e aproveitar os posibles erros do seu rival para facer dano en transición. No minuto 16′ chegou o primeiro aviso das azuis. Candelita executou unha falta que marchou desviada por moi pouco.
A resposta visitante chegou á media hora de xogo. Un rápido contragolpe terminou cun remate de Aroa, pero Karla apareceu cunha gran intervención para desviar o balón a córner e manter o empate. Só tres minutos despois chegou a acción que terminaría decidindo o trofeo. Rosalía recuperou o balón e activou unha rápida transición ofensiva. A xogada terminou cun pase ao espazo para Andrea, que ante a saída de Rocío levantou o balón por encima dela asinando o 1-0 no minuto 33. O Victoria tratou de reaccionar, pero as mellores oportunidades do tramo final volveron ser para o conxunto pontino. No minuto 43′, Noui rematou un saque de esquina e o balón saíu pegado ao poste. Apenas un minuto despois, Sampayo estivo moi preto de sentenciar o encontro cun remate en boca de gol, pero Rocío respondeu cunha gran intervención para evitar o segundo. O marcador xa non volveu moverse e o asubío final confirmou o triunfo das azuis.

Pleno de vitorias e portería a cero
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía pechou así o III Trofeo de Fútbol Feminino de Canedo como campioa, despois de saber desenvolverse en dous encontros de características moi diferentes. Ante Unionistas, o conxunto pontino foi crecendo ata facerse co control do partido e atopar o premio no seu tramo final. Fronte ao Victoria, as azuis tiveron que afrontar un encontro máis aberto, manter a orde ante as rápidas chegadas do seu rival e aproveitar unha transición para decidir o título. O torneo deixou ademais un balance perfecto en canto a resultados: seis puntos de seis posibles, dous goles anotados e ningún encaixado, ademais de novos minutos de competición dentro da preparación das de Alberto Tamayo.

“O importante agora é seguir acumulando minutos e chegar nas mellores condicións posibles”, Alberto Tamayo.

“Estamos contentos polo torneo, pero sobre todo por como competeu o equipo. Atopámonos dous partidos diferentes e creo que as xogadoras souberon interpretalos ben. Ante Unionistas fomos crecendo co paso dos minutos e fronte ao Vitoria tivemos que ter paciencia, estar ordenadas e aproveitar o noso momento”, valorou o técnico pontino. Tamayo tamén quixo relativizar a importancia do título dentro do momento de preparación no que se atopa o equipo. “Seguimos en pretemporada, aínda temos moito marxe de mellora, pero acabar con dúas vitorias e sen encaixar axúdanos a reforzar o traballo que estamos a facer. Gañar sempre é positivo e facelo diante da nosa xente ten un valor especial, pero o importante agora é seguir acumulando minutos e chegar nas mellores condicións posibles ao comezo da competición”.

Check Also

Primeiro test de pretemporada ante o Vilalonga

O noso equipo deixou boas sensacións na súa estrea de pretemporada ante un rival de …