Orzán-Rosalía: comeza a historia en 3ª Federación

As ‘azuis’ afrontan esta tarde ás 16:00 horas no Campo Nº2 da Cidade Deportiva A Torre o seu primeiro partido de Liga na categoría nacional.

Chegou o momento. A Escola de Fútbol Feminino Rosalía afronta este domingo un día histórico coa súa estrea na 3ª Federación Femenina. O conxunto pontino inicia unha nova etapa visitando ao Orzán SD no Campo Nº2 da Cidade Deportiva A Torre (A Coruña), nun encontro que supón o primeiro capítulo dunha tempada chea de ilusión, aprendizaxe e novos retos.

Despois de dous ascensos consecutivos e de acadar por primeira vez a categoría nacional, as ‘azuis’ encaran este inicio ligueiro preparadas para competir nunha nova realidade deportiva. Un salto de nivel que o equipo de Alberto Tamayo leva semanas preparando cunha pretempada esixente, combinando traballo físico, conceptos tácticos e encontros de preparación ante rivais de diferentes niveis.

Unha pretempada para medrar
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía iniciou a súa preparación coa vista posta nun debut histórico. Durante estas semanas de traballo, o equipo foi aumentando progresivamente a carga de adestramentos e afrontou varios encontros amigables que permitiron ao corpo técnico analizar a evolución da plantilla e adaptar o equipo ás esixencias da nova categoría. As azuis disputaron diferentes probas de preparación, entre elas o Trofeo Concello de Sanxenxo ante o Atlético Vilalonga, un primeiro test de máxima esixencia que serviu para comezar a medir o nivel competitivo do equipo. Tamén se enfrontaron ao Victoria FC ‘B’, nun encontro no que chegaron as primeiras boas sensacións da pretempada. O tramo final da pretempada deixou ademais dous grandes resultados no Trofeo “Elas Contan“, onde a EFF Rosalía pechou a súa preparación con dúas vitorias e boas sensacións antes do inicio da competición oficial. No primeiro encontro, as azuis superaron ao Teis por 4-0, nun partido no que marcaron Andrea, Laura, Miriam e Amelia. Na segunda cita do torneo, noso equipo impúxose ao Arenteiro por 3-0, con goles de Andrea (2) e Miriam, confirmando a progresión do equipo nas últimas semanas de traballo. Estes dous triunfos serviron para pechar unha pretempada positiva e chegar ao debut ligueiro cunha dinámica de confianza antes do histórico inicio na 3ª Federación.

Un debut marcado polas baixas
Alberto Tamayo non poderá contar con toda a plantilla dispoñible para este primeiro encontro oficial. Sara continúa coa súa recuperación da lesión sufrida a pasada tempada, mentres que tampouco estarán dispoñibles Noa, Antía Álvarez, Antía Rodríguez, Sabela e un dos novos reforzos para esta campaña, Sara Bonjoch. A pesar das ausencias, o equipo afronta a cita coa ilusión de competir e demostrar o traballo realizado durante toda a preparación.

O adestrador azul destaca a importancia dun momento histórico para o club e pon en valor o camiño percorrido durante a pretempada.

“Estamos diante dun momento moi especial para a EFF Rosalía. Chegar a 3ª Federación é froito do traballo de moita xente e agora toca afrontar este reto con ilusión, humildade e moitas ganas de competir”.

“Temos moitas ganas de comezar este novo reto”, Alberto Tamayo.

Sobre o inicio da competición, Tamayo sinala: “Sabemos que será unha categoría moi esixente, con equipos de moito nivel, pero o grupo está preparado para dar a cara. O importante é ir medrando semana a semana e manter a identidade que nos trouxo ata aquí”.

O técnico tamén falou das baixas coas que chega o equipo ao debut: “Temos varias xogadoras importantes fóra, algunhas por lesión, pero isto tamén forma parte da competición. Temos unha plantilla ampla e outras compañeiras terán a oportunidade de asumir responsabilidades e axudar ao equipo”. Sobre o rival, o Orzán SD, Tamayo espera un partido complicado: “Vai ser un encontro moi esixente. O primeiro partido sempre ten algo especial e teremos que estar concentradas desde o inicio. Queremos competir, gozar do momento e dar a nosa mellor versión”.

Comeza unha nova historia
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía afronta en A Coruña o primeiro paso dunha tempada histórica. As azuis debutan na 3ª Federación Femenina cun obxectivo claro: seguir medrando, competir ao máximo nivel e levar o nome de Ourense por toda a categoría nacional.

O balón comezará a rodar este domingo ás 16:00 horas no Campo Nº2 da Cidade Deportiva A Torre.

Check Also

A EFF Rosalía lévase o derbi no Monte da Aira

A pegada das ‘azuis’ decidiu un derbi con dous goles en tres minutos tras o …