Carla Rivas, nova psicóloga da EFF Rosalía

A Escuela de Fútbol Femenina Rosalía chegou a un acordo con Carla Rodríguez Rivas (Padrón, 1990) para a sua incorporación á entidade pontina como Psicóloga Deportiva de todos os equipos do club. Carla recala no club, procedente de Sandra Vales Logopedia, onde é traballadora dende 2018 e Physiovértex en recente incorporación.

Carla, é licenciada en psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, ampliando a súa formación cun master en Psicoloxía Infanto Xuvenil: Técnicas e Estratexias de Intervención e outras formacións en intervención infanto-xuvenil, atención e coidados en infancia, igualdade de xénero, educación en igualdade…

A nova psicóloga atendeu á web do club para explicar as razóns polas que decidiu dar o paso de unirse ao proxecto da Escuela de Fútbol Femenina Rosalía: “Decidín unirme á EFF Rosalía por aprendizaxe e crecemento persoal propio, por unha banda e, por outra, para a aportar unha nova visión no club. A psicoloxía pode enriquecer a nivel persoal e a nivel grupal: que mellor motivación que crecer á par que un club para aceptar a proposta”.

“Comezar nun club feminino é, para min, un reto de aprendizaxe e obrigarame a esforzarme para estar á altura do que as xogadoras, adestradoras e directivos precisen. Sempre busco aprender e actualizarme, e esta é unha moi boa oportunidade para facelo, pero para min, é determinante que se trate de fútbol feminino. Nun deporte tan masculinizado como o fútbol, no que o imaxinario social crea estigma e estereotipos, no que a linguaxe é sexista, no que existe violencia a través de múltiples canles, no que os medios de comunicación perpetúan unha imaxe irreal das xogadora, é fundamental que a persoa que ocupara este posto no organigrama conte cunha visión clara en canto a perspectiva de xénero”.

Primeria experiencia no ámbito deportivo
“Espero, efectivamente crecer e aprender, por suposto. Mais espero tamén aportar dende a miña experiencia con poboación infantil xuvenil estratexias para mellorar o benestar das xogadoras en cada unha das etapas evolutivas nas que se atopen. Dende logo o meu principal obxectivo será que se atopen cómodas comigo e poder asesoralas naquilo que precisen”.

¿Qué pensas aportar?
“Principalmente cercanía e bo trato, dende logo, porque antes que profesional son persoa e así me defino, como unha persoa tranquila, agradábel e cercana. Como profesional espero aportar estratexias para acadar resultados positivos, e con resultados positivos non falo de gañar partidos, senón de gañar calma e seguridade, para construír tras cada adestramento unha visión mellorada de cada unha das xogadoras en todos os aspectos. Insisto na visión feminista, pois é necesario que nun club feminino se conte con profesionais que eduquen en igualdade, e coido poder aportar bastante nesta liña”.

A necesidade dunha especialista nun club
“Mellorar o benestar das xogadoras, detectar e atender necesidades ou problemáticas sen a figura da psicóloga poden ou ben non detectarse nalgúns casos ou non ter os recursos necesarios para abordarse. Coido que a figura da psicóloga é necesaria en moitas esferas e áreas na actualidade e o deporte tamén é unha delas. Para mellorar os efectos positivos da práctica deportiva, coidar da saúde mental das xogadoras e fomentar no club hábitos saudables non é preciso estar na elite. A calquera club que lle preocupe o rendemento deportivo, os estilos dos adestradores e directivos e a saúde da plantilla anímoo a contar cunha psicóloga no organigrama”.

Primeiro contacto
“É pronto para dicilo. O que observei foron rapazas involucradas, con gañas de xogar e de adestrar, involucradas co adestrador e co equipo, e esta é coa parte coa que me quedo, porque contando con este positivismo os resultados serán bos seguro. Por suposto cada unha terá as súas dúbidas, inseguridades ou inquedanzas, pero pártese de moi boa base”.

Logo da presentación de Carla, o presidente, Mario Gómez quixo dar a bienvenida á nova membro do staff do club: “dende a directiva estamos seguros de que a incorporación de Carla será un gran paso máis no crecemento do clube. Primeiro terá moito que observar e valorar, pero a ben seguro que en breve comezará a influir e mellorar todos os estamentos da escola co seu traballo. Para nós é un luxo poder contar con ela e estamos moi agradecidos de que aceptara incorporarse no noso proxecto”.

Check Also

Un ano mais colaboramos con Operación Quilo

A campaña alcanza os 37 anos de actividade e pódese doar roupa, xoguetes e comida …

Skip to content