Noa Fernández anota o primeiro hat-trick no amigable de Chantada (3-4)

Foi tan so a primeira proba, ainda que rematou con victoria pero, como apuntaba o noso mister ao remate do partido, “hai moito marxe de mellora”. Estamos na pretemporada,  poucos adestramentos, e o estado físico das xogadoras non acadou o estado óptimo. Circunstancias que marcaron o xogo do amigable diante da SD Chantada. Un partido no que Noa Fernández, unha das novas desta tempada, xustificou a sua condición de “killer” anotando tres goles e converténdose nun pesadelo para a defensa rival. Noa marcou aos oito minutos, igualou Laura para as chantadinas poucos minutos depois pero novamente Noa, cumprido o minuto vinte de partido, asinou o segundo para, pouco antes do descanso, facer o terceiro e permitir unha cómoda vantaxe para o plantel que dirige Iván Canal.

Noa Fernández debutou co punto de mira afinado

O técnico do Rosalía desenvolveu un 4-4-2 na primeira fase do partido condicionado pelas numerosas ausencias coas que afrontaba o envite. Tan só puido desprazar a trece das vintedúas xogadoras do plantel, entre as que se atopaban duas das xogadoras que están probando cara a poder formar parte da plantilla, Eli e Saray, polo que únicamente podía realizar dúas substitucións. A saída do equipo ao campo na segunda metade revelou a falla de intensidade, especialmente na saía do balón, o que permitía ao rival que prepara Alex Varela igualar o partido con goles de Laura e Eva, o segundo despois de que o balón petara no poste e rebotara no corpo de Eli. Unha fase na que se cometeron numerosos erros por ambas as partes nas mais das ocasións provocados polo cansanzo e a falla de adestramentos. O partido decidiuse nunha acción fortuita nos últimos instantes do xogo. Corner que botou Alba e que unha defensa luguesa introducíu na sua propia portería nun intento por rexeitar a acción de ataque ourensana.

Os técnicos, ao remate do partido, coincidiron ao resaltar a falla de adestramentos das duas formacións como a causa principal das numerosas eivas a corrixir. Alex Varela, da SD Chantada  dixo que “o balance ten que ser necesariamente positivo tendo en conta que so levamos cinco adestramentos nunha semana de traballo. Precisamos crecer en presión defensiva ainda que o rendemento do equipo no segundo tempo foi notablemente mellor. Seguro que medraremos cos adestramentos que acumularemos nas duas próximas semanas”. 

Positiva tamén a lectura por parte de Iván Canal que comenzou sinalando  que o partido “estaba condicionado para nos pola falla de efectivos.  A idea inicial era probar máis alternativas pero con so trece xogadoras non tiñamos moitas opcións. A lectura final é positiva pero con matices. Recoñecemos  que hai moito que mellorar.  Houbo erros en defensa que custaron goles, falla de circulación de balón e as numerosas perdas condicionaron demasiado o partido. A situación mellorará a medida que o plantel asuma todas e cada unha das situacións que traballaremos nas próximas sesións de adestramento”.

O noso senior realizará tres sesións de traballo esta semana. O martes trece, no campo de Velle, está previsto realizar un partido de adestramento diante do equipo cadete da Unión Deportiva Ourense, pero ainda non podemos confirmar que se xogará. O mércores celebrarán o última sesión da semana nunha xornada que se presume suave de traballo e na que se tratará de mellorar a saída de balón así como o xogo do equipo con posesión. As xogadoras terán descanso desde o xoves 15 ata o luns 19 no que o plantel volverá ao traballo.

Check Also

Touro-Rosalía: a polo cuarto posto

O noso equipo visita o Municipal de Loxo no encontro da 22.ª xornada de Liga …

Skip to content