O infantil leva o derbi de Oira cun arranque decisivo

Emma e Lara Jácome encamiñaron o triunfo nos primeiros dez minutos e Lucía Diéguez pechou o marcador no 80′ ante a Purísima.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía impúxose por 0-3 ao CD La Purísima no derbi correspondente á terceira xornada da Liga Galega Infantil Feminina, Grupo D, disputado este domingo en Oira. As pontinas tomaron vantaxe moi cedo e continuaron xerando ocasións durante as dúas metades, aínda que tiveron que agardar ata o último minuto para conseguir o terceiro tanto.

O encontro comezou de cara para as de Carlos Alonso. Apenas transcorreran dous minutos cando Lucía chegou á liña de fondo polo sector dereito e enviou un centro que Emma rematou no segundo pau para establecer o 0-1. O Infantil mantivo a iniciativa ofensiva. No minuto 7′, Lara Jácome recuperou rapidamente o balón e probou un disparo que rexeitou a defensa. A acción continuou cun remate de Candela que María conseguiu blocar. Tres minutos despois chegou o segundo gol. Lucía progresou pola dereita e conectou con López, que cedeu o balón a Lara Jácome para que culminase a xogada cun disparo que supuxo o 0-2. A vantaxe non freou as chegadas das pontinas. No 13′, unha combinación de banda a banda levou o balón desde o sector esquerdo ata Lucía, que fabricou a súa propia ocasión, entrou na área e obrigou a María a desviar o remate a córner. No 21′, un saque de esquina executado por Lara Jácome provocou un barullo na área que terminou cun disparo alto de Lucía. Antes do descanso houbo outras dúas oportunidades. Leire recibiu no pico dereito da área, buscou espazo e enviou o balón ao lateral da rede no minuto 32. Dous minutos máis tarde, Liliana puxo un centro desde a dereita que Naiara rematou, pero María volveu intervir para evitar o terceiro.

O terceiro chegou no treito final
Tras o descanso, Rosalía seguiu atopando ocasións para ampliar a diferenza. No minuto 56′, Lucía Álvarez iniciou un contragolpe cun pase á carreira de Valeria, cuxo disparo foi despexado pola gardameta local. A recuperación do balón tamén xerou novas oportunidades. Tres minutos despois da hora de xogo, Lara Jácome anticipouse á saída rival e cedeu a Leire, que rematou fóra desde a frontal. Cinco minutos despois, Emma gañou a liña de fondo pola esquerda e enviou un centro-chut que María rexeitou. O balón acabou nos pés de Leire, pero o seu remate marchou alto. O minuto 74′ deixou unha acción a balón parado. Cris executou unha falta que Eva rematou no primeiro pau e a xogada terminou en córner na primeira ocasión local. O premio á insistencia das pontinas chegou co tempo cumprido. Nunha nova xogada de banda a banda, López conectou con Lucía Diéguez, que se creou o espazo para rematar e marcar o definitivo 0-3.

Un triunfo construído desde o inicio, cos tantos de Emma e Lara Jácome, e completado pola perseveranza ofensiva dun Rosalía que atopou en María unha resposta constante ás súas chegadas. Lucía puxo o broche ao derbi cun terceiro gol que pechou a vitoria das nosas infantís.

FICHA TÉCNICA

0-Purísima: María, Carolina, Triana, Yosely, Paula, Isabella, Omaia, Paula, Aitana, Daniela e Arantxa. Tamén xogaron: Arantxa.

3-Rosalía: Miriam, Candela Lorenzo, Valeria, Lucía Diéguez, Sarita, Emma, Lara Jácome, Valeria, María e Lucía Álvarez. Tamén participaron: Sophia, Naiara, Liliana, Alba e Leire.

Goles

0-1 (minuto 2) Emma
0-2 (minuto 2) Lara Jácome
0-3 (minuto 2) Lucía Diéguez

Tarxetas
Amarela (minuto 55) Lucía Álvarez

Vídeo: Partido completo.

Check Also

Rosalía-Orzán: Reparto de puntos en Oira

Sophia adiantou á EFF Rosalía no arranque do encontro e Carmen asinou o empate para …