Sophia adiantou á EFF Rosalía no arranque do encontro e Carmen asinou o empate para o Orzán antes do descanso.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía Infantil sumou un punto fronte ao Orzán ‘B’ en Oira nun encontro igualado e con alternativas. O equipo local comezou con forza e pronto atopou premio. No minuto 4′, Vera apareceu polo sector dereito para poñer un centro preciso á área e Sophia, ao primeiro toque, asinou o 1-0.
Noso Infantil mantivo a iniciativa nos primeiros compases e volveu achegarse á área rival. Antes, Ahinara probou fortuna desde a frontal no 17’, aínda que o seu disparo marchou fóra. Pouco despois, de novo Vera xerou perigo cun centro que atopou a Sophia, pero Lola estivo segura para blocar o remate.
O Orzán reaccionou cunha presión alta que lle permitiu recuperar metros e complicar a saída de balón local. No minuto 33’, tras unha recuperación en campo contrario e varios rexeites dentro da área, Carmen aproveitou a ocasión para marcar o 1-1. Antes do descanso, Vera estivo moi preto de devolver a vantaxe ao Rosalía: primeiro cun disparo afastado que Lola blocó en dous tempos e, xa no 40+2’, cunha internada pola dereita que terminou cun chute cruzado ao poste.
Rosalía buscou o segundo
A segunda metade comezou cun Orzán intenso, tentando recuperar a posesión en campo contrario e dificultando a circulación das locais. No minuto 46’, as visitantes dispuxeron dunha boa oportunidade cun chute cruzado que obrigou a Miriam a estirarse para despexar. O partido gañou en disputa e ambos os equipos buscaron o gol da vitoria. No 64’, unha falta favorable ao Orzán terminou cun remate alto de Claudia ao bordo da área pequena. A resposta das ‘azuis’ chegou un minuto despois, cun potente disparo de Ari que obrigou a Lola a realizar unha gran intervención e enviar o balón a córner. No tramo final, Vera volveu ser protagonista cun centro desde a dereita que Isabel rematou alto desde a frontal no 71’. O conjunto de Manu insistiu ata o final, pero non conseguiu transformar as súas chegadas e o marcador xa non se moveu.
FICHA TÉCNICA


Goles
1-0 (min. 4) Sophia
1-1 (min. 33) Carmen




E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino