As de Alberto Tamayo proclamáronse campioas da IV Copa Deputación despois dunha final épica ante o Arenteiro, na Regueiriña, que tivo goles, alternativas, emoción ata o último suspiro e unha quenda de penaltis na que Karla converteuse en protagonista.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía volveu demostrar que este equipo nunca deixa de crer. Unha semana despois do golpe sufrido na fase de ascenso, onde o soño escapou desde o punto de penalti, as ourensás atoparon o seu desquite deportivo da forma máis emocionante posible: levantando a IV Copa Deputación tamén desde os once metros.
O partido non puido comezar peor para noso equipo. No minuto 1, o Arenteiro adiantouse cunha boa acción de Ester, que recibiu no bordo da área, entrou con decisión e cruzou o balón ante a saída de Karla para poñer o 1-0. O golpe inicial non cambiou o plan das de Alberto Tamayo, que aos poucos foron crecendo con balón e empezaron a achegarse á área defendida por Paula. Noui probou fortuna no minuto 17′ cun disparo que detivo a gardameta ‘verde’, e pouco despois chegou o empate. No 22’, Candela puxo un gran centro desde a dereita e Sampi apareceu no segundo pau para rematar a pracer e asinar o 1-1. O conjunto pontino seguiu insistindo. Aldarita estivo preto do segundo cun potente disparo desde a frontal que se estrelou no poste, e Noui tamén tivo unha ocasión clara tras estar moi atenta nunha cesión á porteira. Antes do descanso, o equipo acumulou chegadas. Aldarita obrigou a Paula a realizar unha gran parada,Añón rematou fóra por moi pouco un centro de Candela e a propia Aldarita rozou o gol cun centro-chute que marchou preto do poste. A recompensa chegou no engadido da primeira parte. Antía recibiu na banda dereita e colocou un centro ao corazón da área. Alí apareceu Aldarita, que controlou orientada e cruzou o balón para poñer o 1-2 antes do descanso.
Golpe do Rosalía e reacción do Arenteiro
Tras o paso polos vestiarios, noso sénior volveu golpear. Un minuto despois da reanudación, Noui, aproveitou un despexe longo desde a defensa de Noa , gañou a carreira á central do Arenteiro e, soa ante Paula, definiu xunto ao poste para ampliar a vantaxe: 1-3. O partido parecía encarrilado, pero o Arenteiro non se rendeu. No 53’, unha indecisión na saída de balón acabou con penalti sinalado pola colexiada tras a acción entre Sara e Karla. Sara asumiu a responsabilidade e marcou cun disparo forte ao centro para facer o 2-3. Apenas un minuto despois, Sara volveu ter o empate nas súas botas, pero Karla respondeu cunha gran intervención para enviar o balón a córner. O Arenteiro apertaba e atopou o premio á hora de xogo, cando Letizia escapou pola banda esquerda e, ao entrar na área, conectou un disparo forte e cruzado para poñer o 3-3.
“Este equipo ten algo especial”, Alberto Tamayo.
O empate abriu unha final aínda máis emocionante. Losada tivo o cuarto para o Rosalía tras unha boa acción de Añón pola esquerda, pero o seu disparo atopouse co poste. Noui tamén o tentou cun remate que marchou alto por pouco, mentres que o Arenteiro respondeu cunha ocasión de Moraima que blocou Karla. No tramo final, Añón probou cun disparo afastado que detivo Paula en dous tempos, Antía tivo outra boa opción tras unha gran xogada de Añón e Noui obrigou de novo a intervir á porteira do Arenteiro.

Final de tolemia e empate no último suspiro
Cando o partido parecía abocado á prórroga emocional dos penaltis, aínda quedaba o máis intenso. No minuto 93, un erro na saída de balón permitiu a Letizia recuperar cerca da área. O seu primeiro disparo desviouno Karla, pero o rexeite volveu caerlle á xogadora do Arenteiro, que marcou o 4-3. O golpe era durísimo, pero noso equipo volveu levantarse. No 95’, Antía estivo a piques de empatar cun disparo ao traveseiro cando Paula xa estaba batida. E no 97’, cando apenas quedaba tempo, apareceu de novo a fe deste equipo. Candela botou un córner perfecto e Aldarita, cun gran remate de cabeza, mandou o balón á rede para poñer o 4-4 e levar a final aos penaltis.

Karla fíxose xigante na quenda
A quenda tivo todos os ingredientes dunha final. Karla abriu o camiño marcando o seu lanzamento e despois fíxose enorme baixo paus. A gardameta pontina detivo os penaltis de Lucía, Xiana García, Sara e Letizia, sostendo ao equipo nos momentos de máxima tensión. Polo Rosalía marcaron Karla, Sampi e Irene, que converteu o lanzamento decisivo na morte súbita. O Arenteiro tamén tivo opcións, pero Karla volveu aparecer unha e outra vez ata que o fallo final de Ainara desatou a celebración.
Sete días despois de vivir a cara máis cruel do fútbol, Karla foi a heroína dunha final que xa forma parte da historia do club. A EFF Rosalía caeu, levantouse e terminou celebrando unha Copa Deputación gañada desde o corazón, o esforzo e a fe dun grupo que nunca deixou de crer.

Alberto Tamayo destacou o carácter das súas xogadoras tras unha final cargada de emoción: “Este equipo ten algo especial. Despois dunha semana moi dura, levantarse así, competir desta maneira e crer ata o minuto 97 fala moi ben do grupo que temos”. O adestrador tamén quixo poñer en valor a actuación de Karla: “O fútbol debíalle unha a Karla. A semana pasada viviu un momento moi complicado e hoxe demostrou unha personalidade enorme. Marcou o seu penalti, parou lanzamentos decisivos e foi clave para que puidésemos levantar a Copa”. Noso técnico subliñou ademais a capacidade do equipo para non renderse en ningún momento: “Puxémonos por detrás moi pronto, despois remontáronnos ao final e aínda así seguimos crendo. O gol de Aldarita no desconto define perfectamente o que é este equipo: esforzo, corazón e confianza ata o último segundo”.
Por último, o técnico quixo dedicar o título a todo o club: “Esta Copa é das xogadoras, do corpo técnico, das familias e de toda a xente que acompaña ao Rosalía. Hoxe gañamos algo máis que un partido; gañamos unha recompensa ao traballo de toda a tempada”.
FICHA TÉCNICA


Goles
1-0 (minuto 3) Sara Fernández
1-1 (minuto 23) Sampi
1-2 (minuto 45+5) Aldarita
1-3 (minuto 46) Noui
2-3 (minuto 54) Sara Fernández
3-3 (minuto 72) Letizia
4-3 (minuto 90+2) Letizia
4-4 (minuto 90+7) Aldarita
Penaltis
1-0 (Gol) Karla
1-0 (Para Karla) Lucía Expósito
1-0 (Fallo) Añón
1-0 (Para Karla) Xiana
1-0 (Para Paula) Aldarita
1-1 (Gol) Noe
2-1 (Gol) Sampi
2-2 (Gol) María
2-2 (Fallo) Candela
2-2 (Para Karla) Sara Fernández
2-2 (Fallo) Antía
2-2 (Para Karla) Leti
3-2 (Gol) Irene
3-2 (Fallo) Ainara




E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino