‘Sampi’, 100 partidos co sénior da EFF Rosalía

A centrocampista, que chegou ao club no ano da súa creación e pasou por todas as súas categorías, únese ao grupo de centenarias do equipo sénior.

Silvia Sampayo, ‘Sampi‘, xa forma parte da historia do equipo sénior da Escola de Fútbol Feminino Rosalía. A futbolista alcanzou a cifra de 100 partidos co primeiro equipo e únese así ao grupo de xogadoras centenarias do club, onde xa figuran nomes como Aldarita, Añón, Sabela, Noa, Noui, Zaira e Candela.

O recoñecemento a Sampi chegou no último partido da tempada, fronte ao Antas, no que disputaba o seu encontro número 102 co sénior. Unha pequena homenaxe para unha xogadora que representa á perfección o percorrido, a constancia e o sentimento de pertenza dentro do club pontino.

O debut
Silvia Sampayo debutou co equipo sénior na tempada 2021/22. Foi o 6 de febreiro de 2022, na xornada 14, no encontro entre Rosalía e Mos, que terminou con resultado de 0-1. A xogadora, en idade cadete, entrou ao terreo de xogo no minuto 46′ substituíndo a Patricia Leal, iniciando así un camiño que a levaría, anos despois, a alcanzar o centenar de partidos co primeiro equipo.

Sampayo coa copa de subcampiona galega.

Unha vida ligada ao Rosalía
A traxectoria de Sampi está estreitamente ligada á historia de a nosa escola. Chegou ao club no ano da súa creación e pasou por todas as súas categorías, crecendo como futbolista dentro da entidade. Entre as súas etapas máis destacadas figura a súa participación na xeración que se proclamou subcampioa da 1ª Liga Promesas galega, un grupo que marcou unha etapa importante na formación do club e do que Sampi formou parte antes de consolidarse no equipo sénior, alcanzando a capitanía esta temporada.

O partido 50
O seu partido número 50 chegou na tempada 2024/25, o 8 de outubro de 2023, na xornada 3, no encontro entre Pontellas e Rosalía. Sampayo foi titular nun partido que terminou con vitoria por 0-1 para o conxunto pontino. Aquel encontro supuxo outro paso importante dentro dunha traxectoria marcada pola continuidade e a presenza cada vez máis importante no equipo.

As cifras
A evolución da centrocampista no sénior reflíctese tamén nos números. Desde o seu debut na tempada 2021/22, a xogadora foi acumulando partidos ano tras ano ata superar a barreira dos 100 encontros.
Na tempada 2021/22 disputou 5 partidos; na 2022/23, 16; na 2023/24, 26; na 2024/25, 27; e na tempada 2025/26 suma 25 partidos a data do 4 de maio de 2026. Tamén foi crecendo a súa achega goleadora. Tras non marcar nos seus dúas primeiras tempadas co sénior, Sampi estreou a súa conta goleadora na 2023/24 e desde entón asinou un total de 22 goles a data do 4 de maio de 2026: 5 na tempada 2023/24, 9 na 2024/25 e 8 na 2025/26. O seu primeiro gol chegou no partido Gondomar–Rosalía, correspondente á xornada 19, nun encontro que terminou cun contundente 0-16. Sampi marcou o gol número 14 do partido e completou un dobrete anotando tamén o 15º tanto.

Sampayo, acompañada das outras centenarias da EFF Rosalía.

Unha nova centenaria para o club
Con estes 100 partidos, Sampi entra nun grupo moi especial dentro da Escola de Fútbol Femenino Rosalía. Xunto a Aldarita, Añón, Noui, Sabela, Noa, Zaira e Candela, a xogadora pasa a formar parte das futbolistas que alcanzaron unha cifra redonda co equipo sénior.

Unha traxectoria construída desde a base, con anos de crecemento dentro do club e cunha presenza cada vez máis consolidada no primeiro equipo. Sampi xa é centenaria co Rosalía.

Check Also

A EFF Rosalía visita ao Boavista FC e sela un acordo internacional polo fútbol feminino

Mario Gómez, acompañado do noso director deportivo visitaron as instalacións portuguesas. Esta fin de semana, …

Ir o contido