O equipo de Alberto Tamayo afronta a xornada 27 da Primeira División Galega Arzúa-Ulloa DOP no primeiro partido do tramo final da tempada.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía afronta esta fin de semana unha nova cita ligueira ante o Sárdoma ‘B’, correspondente á xornada 27 da Primeira División Galega Arzúa-Ulloa DOP. Será o primeiro partido do último mes de competición, unha fase decisiva na que o conxunto pontino quere manter a súa regularidade e seguir competindo na zona alta da clasificación.
Con só catro partidos por diante para que conclúa o campionato, será a primeira das dúas saídas que afrontará o noso sénior neste tramo final da liga. O noso equipo chega a este encontro despois dunha tempada moi sólida, instalado na terceira posición con 59 puntos e cun balance xeral de 18 vitorias, 5 empates e 3 derrotas. Ademais, as ‘azuis’ demostraron unha notable fiabilidade lonxe de Oira, con 8 triunfos, 3 empates e só 2 derrotas como visitante.
O precedente da primeira volta convida o optimismo, aínda que sen confianzas. Naquel partido, disputado o 21 de decembro en Oira, a EFF Rosalía impúxose por 3-0 ao Sárdoma C.F. “B”, con goles de Sampi e Antía Álvarez, autora dun dobrete.
“Entramos no último mes e cada partido ten moitísimo valor”, Alberto Tamayo.
“A clasificación non pode condicionar a nosa mentalidade. Entramos no último mes de competición e cada partido ten moitísimo valor. Vimos dunha derrota que nos ten que servir para aprender, corrixir detalles e volver competir coa personalidade que este equipo demostrou durante toda a tempada”, indicou o noso técnico na previa do encontro de mañá.
CONVOCATORIA

O rival
O Sárdoma ‘B’ ocupa a 16.ª posición da táboa con 10 puntos. Como local conseguiu as súas dúas vitorias da tempada, polo que haberá que manter a concentración desde o primeiro minuto para evitar que o partido se complique. No conxunto vigués, a principal ameaza ofensiva está repartida entre varias futbolistas. Lola Aristégui e Carla Ramos son as súas máximas goleadoras, con 4 goles cada unha. Tamén destacan Andrea, Sofía e Martina, todas elas con 3 tantos na competición. O conxunto vigués chega ao duelo tras caer na última xornada ante o Sporting Burgo, mentres que as rosalianas buscarán reaccionar despois do tropezo fronte ao Atlético San Pedro.




E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino