Tobaruela, renovado ata 2023 para continuar afianzando o proxecto da EFF Rosalía senior

O catalán asinou o contrato na sé do club acompañado pola directiva ao completo do club.

A Escuela de Fútbol Femenina Rosalía e Pere Tobaruela acordaron a ampliación do contrato do técnico do equipo sénior, que queda vinculado ao club ata o 30 de xuño de 2023. Con esta renovación, a dirección deportiva do club quere dar continuidade ao traballo realizado polo adestrador estes meses e confirma así o seu primeiro gran movemento de face a unha tempada na que o proxecto volverá estar marcado pola ambición e o crecemento dun primeiro equipo que sempre se basea no traballo diario.. Tras asinar, o técnico mostrouse moi contento por seguir vinculado ao club unha tempada máis. “Estou moi satisfeito desta decisión”, indicou.

Así, a poucos días de que o exercicio futbolístico 2021/22 toque ao seu fin, a Escuela de Fútbol Femenina Rosalía comeza a sentar as bases do que será o proxecto deportivo da próxima campaña para o seu primeiro equipo, sempre buscando o crecemento nunha parcela que na entidade sempre se tratado como a punta de lanza do proxecto.

Tobaruela durante un partido no Municipal de Oira.

Os números de Pere
O técnico chegou ao club o 10 de marzo de 2022, trala renuncia do corpo técnico ao completo. Nos casi dous meses no cargo, o equipo logrou un balance de 4 vitorias, 1 empate e 1 derrota con 32 goles a favor por 2 en contra. Debutou no cargo o 20 de marzo, na xornada 19 de competición, con goleada por 0-16 en Gondomar, enlazando catro partidos sen coñecer a derrota, a cal chegou o pasado fin de semana na semifinais da fase de ascenso a 1ª división autonómica.

A decisión de renovar
“O propio domingo despois do partido contra o Noia xa enfío o tema co director deportivo, Tamayo. Él e mais eu adoitamos ter unha relación moi directa e estamos a intercambiar información e opinións seguido. Así que falamos do partido do domingo e nesa conversa manifestei a miña vontade de renovar no club. El amosou o interese da EFF Rosalía pola miña continuidade. O luns Tamayo puxo ao corrente disto ao presidente, Mario. E o propio luns despois dunha breve conversa chegamos a un acordo para a tempada 22/23″. 

¿Que che levou a renovar pola EFF Rosalía?
“Cando cheguei ao club hai un mes e medio, díxenlle a Mario que ata final de tempada era unha boa ocasión para que eu coñecera o funcionamento da EFF Rosalía e o club coñecera a miña maneira de traballar. En todo momento estiven moi cómodo no club, con todo tipo de axudas por parte da dirección técnica, da directiva e sobre todo das xogadoras, que depositaron a confianza en min. Descubrín, coñecín desde dentro un proxecto de fútbol feminino magnífico e moi ben estruturado, un proxecto que vai seguir medrando porque se están a facer as cousas ben. Quero aportar o meu gran de area e estou entusiasmado e con ganas de traballar. E iso é o que vou facer a partir de xa, traballar para preparar ben a tempada vindeira”.

“Con toda unha tempada por diante, coido que será mellor para todos”

PERE TOBARUELA, adestrador EFF Rosalía

Traballo incompleto
“Está claro que no pouco tempo que levo no club non puiden traballar algunhas cuestións demasiado a fondo. Houbo un tempo de aclimatación, pola miña parte e das xogadoras e quedo coa sensación de que todo pasou moi rápido. Mais non me queixo, descubrín un grupo de xogadoras magníficas, que o deron todo, que demostraron a súa capacidade de adaptación e as súas ganas de aprender. Elas puxéronmo moi fácil. Con toda unha tempada por diante, coido que será mellor para todos”.

Futuro
“Falar de futuro no mundo do fútbol, un deporte no que os resultados teñen tanto peso específico, resulta complicado. Pero coido que eu o teño claro e a diretiva tamén. O proxecto da EFF Rosalía está por riba de todos nós e nós somos simples pezas para desenvolvelo. As verdadeiras protagonistas son as xogadoras, empezando polas de categoría biberón, pasando polas promesas, infantís e cadetes, e rematando polas sénior. Temos que formalas e ensinalas a competir, a competición forma parte da formación. Eu como adestrador do equipo sénior vou ser, teño que ser o máis esixente a nivel de competición, sen esquecer nunca os alicerces da formación, nin tampouco perder de vista que teñen que gozar no campo deste deporte tan marabilloso. Con estas coordenadas, podemos marcarnos un obxectivo claro para a tempada vindeira: acadar o ascenso a Primeira Galega. Sería un premio para a EFF Rosalía e tamén unha maneira de consolidar a súa estrutura”.

Check Also

Vitoria ‘C’-Rosalía: a pola segunda vitoria seguida

O noso equipo, que encadea dez xornadas sen perder, busca seguir o refacho no Santa …

Skip to content