O Infantil derrota ao Pastoriza no Municipal de Oira

Os tantos de Sofía, Andrea e Sara dan os primeiros tres puntos ao noso equipo.

A Escola de Fútbol Feminina Rosalía Infantil impúxose ao Pastoriza e sumou tres puntos máis na clasificación na súa primeira vitoria na segunda fase do campionato. O noso equipo encarrilou moi pronto o encontro co gol de Sofía aos 7′, aínda que puido ser Pastoriza a que se adiantase no marcador aos 5′ cun penalti que detivo Karla. Na segunda metade chegou a sentenza cos goles de Andrea e Sara.

Vídeo: Penalti detido por Karla.

O noso equipo saíu dominador e pronto se viu co marcador a favor. De feito, no minuto 7 gañaba 1-0. O primeiro gol, á saída dun córner, chegou despois da mellor ocasión das visitantes en forma de penalti, pero Karla realiza unha espléndida intervención ao chute desde os once metros de Alma Reiriz. Dous minutos despois, Ainara executa desde a esquina, Sabela remata en aérea pequena e o rexeite cae aos pés de Sofía e a dianteira define ao fondo da rede. As de Quique e Castro seguiron atacando en busca de máis goles. Puideron ampliar distancias no 20’ tras un centro medido de Cayetana que Sofía rematou desviado. A última ocasión do primeiro tempo a dez minutos do asubío. Lucía Carral filtra un excelente balón entre as centrais á carreira de Sara, a dianteira plántase soa ante Andrea Lamas que rexeita o seu primeiro disparo, xa desde o chan Sara téntao de novo pero non acerta entre os tres paus.

As de Quique e Castro estaban a gozar sobre o céspede e facendo gozar ao público do Municipal de Oira. Tras o paso por vestiarios puideron volver marcar as nosas xogadoras. Sofía puxo o balón a Sara, un bo cambio de ritmo déixaa soa ante a gardameta rival, regatéaa e o seu tiro o salva en boca de gol Carmen, a dianteira volve rematar e recibe a resposta nunha gran intervención de Andrea Lamas, despexando a córner.

Transcorrían os minutos e o Infantil seguía coleccionando ocasións de gol. E chegou o 2-0. Asinouno Andrea no 59’. A centrocampista, hoxe en punta, recibiu un centro desde a esquerda de Sofía e sorprendeu á gardameta visitante cun remate de primeiras. Pastoriza non encontraba a fórmula para superar o plantexamento defensivo azul e máis difícil puxéronselle as cousas ao pouco de pasar a hora de xogo. Sofía encara a portería rival e é derrubada por detrás por Noa, o colexiado Iván Blanco Alonso non dúbida, cartón vermello e as luguesas quedan con dez xogadoras sobre o campo. E cando parecía que o 2-0 non ía variar chegou o terceiro. Falta de Alma sobre Andrea no centro. Ainara centra a zona de ataque e Sara marca dentro da área aos 75 minutos de xogo.

Castro analizaba aos medios do club o partido: “Vimos un Rosalía moi dominador, aplicado nos segundos balóns e sobre todo moi contundente nas dúas áreas. É un triunfo de equipo que xa se viña merecendo desde hai moitas semanas”.

Check Also

O Infantil vence no último partido do ano (1-4)

As pontinas derrotan ao conxunto sanxenxeiro nun encontro no que tiveron que remontar o gol …

Skip to content