Os directivos Mario e Yuse, protagonistas en ‘Ser Deportivos’

O presidente e vicepresidente participaron neste espazo da Cadea Ser Ourense xunto a outros invitados.

Mario Gómez e ‘Yuse‘ Vázquez foron onte os invitados no programa radiofónico Ser Deportivos da Cadea Ser de Ourense. Xunto aos nosos representantes tamén estiveron presentes no programa dirixido e presentado por Pepe González, Perfecto Rodríguez ‘Peluso’, adestrador de CD Velle e Rafael Fernández, do Club parapente Baltar.

Os nosos directivos falaron do próximo partido benéfico a favor de AECC Ourense no día mundial do cancro de mama, que se celebrará o vindeiro xoves día 19 ás 19.30 horas no Municipal de Oira e outras noticias sobre a actualidade do club. Nunha charla moi amena, o noso presidente Mario, destacou que “dirixir un club trae moitos máis crebaderos de cabeza que estar no campo como xogador ou adestrador, pero tamén é un luxo ver crecer este proxecto que necesita dun orzamento de máis de 70.000€ ao ano”. Pola súa banda, Yuse contou que “para estar ao temón dun proxecto deste calado, ten que gustarche moito o que fas, porque non hai mellor forma de traballar se o fas con algo que che guste e, realmente, no Rosalía divertímonos moito tamén”.

O programa íntegro pode escoitarse na páxina web de Radio Ourense, podcast de Ser Deportivos Ourense

Ambos consideran que o fútbol feminino deu un xiro radical nos últimos anos e que, a pesar do que se di, hai nenas que queren practicar este deporte. Coa mirada posta no futuro, afirmaron ser conscientes de que hoxe en día teñen máis visibilidade como club, pero aínda queda moito camiño que percorrer e a súa responsabilidade é que todas e cada unha das nenas estean felices de pertencer ao club pontino, algo que destacou o presentador, Pepe González “sempre senten orgullosos de dicir que son pontinos”.

Sobre ‘Ser Deportivos Ourense’
Presentado por Pepe González e baixo a dirección técnica de Miguel Do Río, trátase dun programa de radio para a divulgación de toda a actualidade deportiva de Ourense, de luns a venres de 15.30 a 16.00 horas.

Check Also

Noa continuará o seu percorrido de azul

Un novo contrato ata 2030 permitirá que a de Gomesende continúe co seu percorrido no …

Skip to content