Tobaruela: “Costounos entrar demasiado en partido”

“Hai que ir a por todas xa desde o asubío inicial”, declarou o técnico azul.

Pere Tobaruela compareceu en zona mixta do Federativo de Coia e analizou o triunfo da Escola de Fútbol Feminina Rosalía fronte ao Balaidos. Tras sumar o segundo triunfo seguido na liga, o técnico comentou: “O Balaídos púxonos as cousas difíciles na primeira parte. Estiveron ben ordenadas e organizadas e souberon contrarrestar o noso xogo. No descanso fixemos algunhas modificacións e estivemos máis cómodas e fomos máis eficaces”.

“Comenteillo ao final ao adestrador do Balaídos, que fixeron un moi bo traballo no primeiro tempo. Como dixen antes do partido, no fútbol non podes dar nada por feito. Para decatarse disto só hai que mirar algúns resultados “inesperados” que se deron esta xornada no noso grupo”.

Partido mais complicado que o que reflexa o marcador final
“En todos os partidos sempre hai que traballar de principio ao fin: estar concentradas, estar intensas, pensar, mover o balón. É a única maneira de progresar, de gañar consistencia no xogo, tanto a nivel individual como colectivo”.

Relaxación inicial
“Costounos entrar demasiado en partido, case un cuarto de hora. É unha carencia que hai que subsanar, e estamos niso. Neste sentido, sempre lles digo o mesmo ás xogadoras: hai que ir a por todas xa desde o asubío inicial. Elas son listas e capaces e decátanse, así que imos solucionalo, estou seguro”.

Yadira e Valeria
“Estou moi contento polo retorno de Yadira despois de tanto tempo sen pisar o verde por unha grave lesión de xeonllo. Aí hai que destacar a constancia da propia xogadora para recuperarse, coa axuda inestimable de Alberto Tamayo, o noso director deportivo, que traballou intensamente con ela durante tempo para axudar a recuperala. Polo que fai a Valeria debutou na competición ligueira e vaille vir ben para que ir collendo experiencia. Esta tempada contamos con dúas porteiras e iso é positivo”.

“O equipo non acababa de funcionar na primeira parte”

PERE TOBARUELA, Adestrador EFF Rosalía senior

Cambios ao descanso
“O equipo non acababa de funcionar na primeira parte. É a miña responsabilidade detectar as cousas que non están ben e intentar solucionalas. Por iso no descanso substituín tres xogadoras e tamén cambiei de posición a unha das que xogaron durante a primeira parte. Esta tempada temos un plantel amplo que ofrece a posibilidade de facer este tipo de modificacións. É, se mire como se mire, unha riqueza, unha riqueza que posibilita o traballo ben feito nas categorías inferiores. O equipo sénior estase a nutrir das xogadoras da canteira”.

Pleno de puntos
“Está claro que facer pleno de puntos é, canto menos, satisfactorio. Pero eu destacaría aínda máis o traballo que están a facer as xogadoras: levamos practicados tres sistemas de xogo, estamos enriquecendo con estas variantes o noso modelo de xogo. Este proceso necesario sempre é difícil, pode haber desaxustes, e elas están esforzándose e interiorizando ben todas as modificacións. Estamos en fase de cambios e estou convencido de que ás poucas imos consolidarnos e daremos un salto cualitativo. Traballo e máis traballo, non queda outra”.

Check Also

Aldara Gonzalez amplía o seu contrato co senior ata 2024

A xunqueirá sumou un ano á súa anterior rúbrica, que a unía a Oira ata …

Skip to content