“Eu prefiro estar na pel nosa que na pel delas, prefiro xogar cun gol de vantaxe que cun gol de desvantaxe”, dixo o adestrador.
Pere Tobaruela compareceu na sala de prensa da sede da Escola de Fútbol Feminina Rosalía o día antes de enfrontarse ao Domaio FC na volta da final da Fase de ascenso a Primeira División (12.00 h; Youtube EFFRosalía): “Estamos na volta da final e aquí xa remata todo. Está todo por decidir, concordo con iso, alí gañamos por un gol, pero nós temos que empezar este partido como se fose a cero e intentar sacar a final adiante, non queda outra”.
Restan noventa minutos
“Está claro, a min os 90 minutos en Domaio foron longos porque foi un partido intenso e, o normal, é que esta volta sexa un partido longo nese sentido. Mestúranse moita tensión en todos os sentidos e os dous equipos queren ganar, como elas xa demostraron alí no seu campo e nós tamén queremos ganar e entón iso fai, comentábame o outro día unha das xogadoras que a primeira parte fíxoselle eterna e en cambio a segunda non, que todo é relativo e no fútbol, está claro, o resultado, a favor ou en contra, fai variar a percepción do tempo”.
¿Esperas un Domaio como o da ida?
“Eu coñezo ao Domaio e son capaces de xogar, tanto como xogaron o outro día con xogo directo e pelotas a súa máxima goleadora e tamén son capaces do xogo combinatorio. Contra nós nese campo utilizaron ese xogo e na semifinal utilizaron ese mesmo xogo contra o Calo. Contra o Calo funcionoulles, contra nós non lles funcionou tanto porque acabaron perdendo o partido”.
¿Qué partido esperas?
“Neste sentido gardareime a táctica para a propia final, xogámonos demasiado como para dicir que vou facer. Evidentemente, imos xogar un partido e a táctica xa está pensada e repensada”.
Recuperación de efectivos
“Xa o dixen noutras ocasións, non. Eu non son dos adestradores que pensa en quen falta, é moi fácil votar man de ‘se tiven tantas baixas…’, parécenme escusas. A Domaio fomos cunha serie de efectivos, fixen os cambios necesarios que eu crin que tiña que facer e o resultado foi positivo. Agora, en Oira, irán, iremos con outros efectivos e intentaremos sacar o partido adiante, pero volvo a repetir, todas e cada unha das xogadoras son importantes. Eu diante dun partido digo, que pezas teño e intento utilizar esas pezas”.
Público en Oira
“Eu creo que é momento de que todos sumemos e a grada tamén suma, pero iso non o podo decidir eu e cada quen é soberano de acudir ao campo. Eu acudiría porque vai ser un partido moi importante e é unha ocasión magnífica para que a cidade de Ourense recupere un equipo na Primeira División de Galicia, que perdeu aí atrás. Entón, creo que paga a pena para que a todo o mundo que lle interese o fútbol feminino estea presente”.