2-3: Rosalía toma vantaxe na eliminatoria cun partido moi serio

Pau en propia porta e Vicky (2) marcaron os goles pontinos ante o Domaio nun partido serio por parte das azuis.

Vídeo: Partido completo.

Partido serio da Escola de Fútbol Feminina Rosalía no momento máis apropiado. O noso senior superou con traballo ao Domaio na ida da final do playoff de ascenso a Primeira. Cun ambiente de gala no Campo da Granxa, as de Pere Tobaruela mostráronse serias e contundentes en ataque para gañar 2-3 e tomar vantaxe na eliminatoria. Pau en propia porta e Vicky (2) marcaron os goles por parte das pontinas. Luka recortou distancias para as locais no 79’ e posteriormente no 96′. A próxima fin de semana, as azuis buscarán pechar a clasificación no Municipal de Oira.

O Domaio non tardou en mostrar as súas intencións. Apenas transcorrera un minuto de partido cando Lety deu o primeiro aviso cun disparo que se foi desviado. As azuis tentaban impoñer o seu xogo e o Domaio xogaba directo arriba en busca do fallo. Tras uns minutos de dúbidas, o noso equipo atopouse coa sorte nunha xoga fortuíta por parte da zaga local. Zaira levaba o perigo pola esquerda e un roubo seu a Eva termina co primeiro gol das visitantes ao despexar Lety o centro da dianteira e rebotar en Pau para sorprender baixo paus a Moraña (0-1, min 5′). A resposta local chegou a balón parado con tres ocasións consecutivas en tres córneres a favor aos 12 minutos de xogo. Na primeira, Lore remata de cabeza e Rocío despexa córner cunha gran intervención. Saca Pau e o cabezazo de Luka despéxao, novamente a córner, Sabela en liña de gol. Volve sacar Pau e Lore remata ao traveseiro. No minuto 37′, Sabela derruba a Luka e a xogadora máis perigosa por parte das locais é a encargada de executar o libre directo. O seu tiro sae preto do pau. Primeira parte dun Domaio dominador que non mereceu irse en desvantaxe ao descanso.

As locais xeraron moito peligro nos córners.

Ao pouco de renovarse o partido as nosas soamente tardaron tres minutos en facer o 0-2. Esta vez foi Noui a asistente e Vicky a goleadora. A xogada comezou cun pase de Laura desde a defensa a Zaira, a dianteira triangula con Noui, que ao primeiro toque asiste á ‘pichichi’ á carreira, que non falla ante a saída de Moraña. O Domaio necesitaba recortar distancias e comezou a tentar xogar no campo pontino. O traveseiro repeleu un córner olímpico de Pau no 62′. Eli sería a seguinte en levar o perigo á portería defendida por Rocío cun disparo desde dentro da área que bloca a gardameta. As azuis mostrábanse moi serias en defensa e esperaban a súa oportunidade para ampliar o marcador. O tempo xogaba a favor dun Rosalía moi ben plantado no campo. Unha xogada illada deu vida ao equipo de Moaña no 79’. Ataque pola esquerda das locais, Nuria provoca o córner de Noa e, tras o saque de Pau, Luka remata de cabeza ao fondo da rede reducindo distancias. O gol espoleó ás locais, que seguiron o partido atacando.

VICKY XA MARCOU 28 GOLES ESTA TEMPADA

Máis goles
Un minuto por encima do tempo regulamentario, Lago proba fortuna desde a frontal ao que responde Rocío blocando o balón en dous tempos. Tres minutos despois, Zaira xera o perigo desde o sector dereito e o seu centro remátao ao primeiro toque Vicky no segundo pau (1-3). O partido parecía ditado para sentenza pero no 90’+6′ Lara é derrubada dentro da área e Luís Lois Carro sinala os once metros. Rocío adiviña o disparo de Luka, pero o esférico termina no fondo da rede deixando a eliminatoria aberta para o partido de volta do próximo domingo 11 no Municipal de Oira.

Check Also

Aguiño-Rosalía: a sénior busca os tres puntos en Ribeira

O noso equipo afronta outra partido clave na loita polos postos de fase de ascenso …

Skip to content