Tobaruela: “Hoxe as xogadoras demostraron que están capacitadas para enfrontarse a calquera rival”

“Quedo co esforzo, a entrega, a madurez que están adquirindo aos poucos as xogadoras”, declarou o adestrador.

Pere Tobaruela compareceu ante os medios de comunicación en zona mixta do Municipal de Oira e analizou a vitoria da Escola de Fútbol Feminina Rosalía ante a Unión Guardesa: “Estou moi satisfeito do partido de hoxe. Máis alá do resultado favorable, hoxe as xogadoras demostraron que están capacitadas para enfrontarse a calquera rival. Tivemos diante unha Unión Guardesa ben traballada, intensa e que tiña as cousas claras. Teño dito noutra ocasión que conforme pasen as xornadas os diferentes equipos van a estar máis complementados, mellor conxuntados.

“Estamos nunha liga ben interesante na que, con respecto á tempada pasada, desde o meu punto de vista hai un nivel superior, e iso sempre é bo para a competición e para nós mesmas, porque canto máis difícil sexan os partido, máis teremos que esforzarnos e, polo tanto, a mellora será substancialmente mellor a medio e longo prazo”.

Vitoria traballada
“A Unión Guardesa xogou ao seu, cun modelo de xogo directo con desprazamento longo de balón e cunha intensidade defensiva moi alta. Sabían en todo momento o que facían e iso, para min, dálle máis mérito ao traballo das nosas xogadoras, que acabaron impoñéndose a unhas rivais esixentes”.

Proba dun novo sistema
“Como dixen antes do partido, neste encontro iamos poñer en práctica a cuarta variante nesta tempada do noso sistema de xogo. Despois do visto hoxe no campo, non podo poñer ningunha obxección ás xogadoras, que executaron perfectamente o plan de partido. Está claro que sempre hai que matizar algunhas cousas, correxir erros, pero para iso está o traballo semanal”.

Invictos e líderes
“Si, agora podemos dicir que estamos en solitario no máis alto da táboa, pero tamén hai que dicir que se trata dun feito circunstancial porque esta xornada o ata agora colíder, o Lóstrego, descansou. E precisamente para seguinte fin de semana visitaremos o seu campo. Vai ser, sen dúbida, un partido intenso e disputado. Como digo sempre, deses partidos que gusta xogar”.

Partido de hoxe
“Sería moi difícil enumerar todas as cousas positivas e negativas do partido de hoxe. Quedo co esforzo, a entrega, a madurez que están adquirindo aos poucos as xogadoras. Os erros lévoos anotados para entre todas, con traballo e autocrítica, intentar subsanalos nos adestramentos”.

Rodríguez da instrucións durante o partido.

Pola parte visitante, Eduardo Rodríguez atento á web do club para analizar o partido disputado na matinal de onte no Municipal de Oira: “Nós sabiamos e coñeciamos do valor do Rosalía. É un equipo novo, un equipo que compite excelentemente pero, realmente quedeime impresionado co ben que xogan estas nenas e do potencial que ten a escola. Viñamos, un pouco, a facer un partido algo cerradas, non viramos ao equipo, coñeciamos do seu potencial e pareceume un partido moi interesante para nós, moi construtivo a pesar do resultado. Nós levamos moitos anos sen xogar a fútbol once, demos o noso salto novamente a fútbol-11 e quédanos moitas cuestións por traballar e este partido, para nós, foi no terreo experimental moi bo. Hoxe ímonos coa sensación de que hai cousas que xa nos van funcionando, que hai cousas que imos traballando mellor e tamén nos imos co debe desas cositas que nos faltan por traballar. Un partido interesante, bonito, con momentos intensos, gustoume e esperamos que á volta podramos dar un pouco máis e xerar un xogo un pouco mellor para equilibrar aínda máis este partido”.

Equipo ben plantado no campo
“Saímos ben colocadas pero logo houbo que retocar un pouco o equipo ao ter unha baixa moi rápida e esa baixa fíxonos un pouco de dano na estrutura do debuxo porque tiñamos pouca profundidade banco ao faltarnos tres xogadoras importantes. Tiñamos pouca profundidade de banco, poucas posibilidades de facer o que prepararamos. Penso que o equipo ha saído moi ben situado con catro ou cinco cosas moi claras e, é verdade que aínda nos queda cousas por traballar, pero desde o punto de vista do balance defensivo fixéronas ben e nese sentido estou bastante contento”.

Obxectivo tempada
“Nós temos a moitas nenas en formación e das dúas últimas que saíron, Sheila ten moi pouca experiencia competitiva e Lau é o seu primeiro ano e hoxe a sido o seu segundo partido oficial e tiñamos unha xogadora máis que hoxe era o seu primeiro partido oficial, Jenni, que xogou no centro do campo, vivindo do mundo do fútbol-salga, entón vén con outro tipo de traballo feito, é de base pero aínda ten moito por diante que facer. Había no campo, nos últimos minutos varias xogadoras que tiñan un balance competitivo moi pobre e, por tanto, teñen que mellorar e traballar”.

Check Also

Aldara Gonzalez amplía o seu contrato co senior ata 2024

A xunqueirá sumou un ano á súa anterior rúbrica, que a unía a Oira ata …

Skip to content