Tobaruela: “O conto non é como empeza, senón como remata”

“De nada serve a vitoria polo simple feito da vitoria se non hai un bo traballo detrás”, declarou o catalán.

Pere Tobaruela compareceu na zona mixta do Municipal de San Pedro e falou da vitoria da Escola de Fútbol Feminina Rosalía fronte ao Vilariño. Despois de sumar o cuarto triunfo seguido na liga, o técnico explicou: “Un novo partido e unha nova acumulación de experiencia na competición. Seguimos medrando e poñendo cousas en práctica; de feito, contra o Rácing de Vilariño xogamos con outra variante, a cuarta xa esta tempada, no noso sistema de xogo”.

“Marcho contento de Nigrán, xa que a pesar de que as rivais nos souberon xogar e intentaron en todo momento contrarrestarnos, as nosas xogadoras foron capaces de acabar levando a auga ao noso rego. Iso sempre é moi positivo. O Rácing de Vilariño estivo moi ben posicionado no campo e as xogadoras son duras nas disputas”.

Cuarta vitoria
“Está claro que conseguir un pleno de victorias sempre axuda a nivel anímico. Pero, alén dos tres puntos, eu en cada partido estou pendente de que as xogadoras fagan ben os deberes, o traballo semanal, o plan de partido. Se por riba acabamos gañando, mellor que mellor. A liga é longa e aínda poden pasar moitas cousas, así que o realmente importante e seguir sendo aplicadas. De nada serve a victoria polo simple feito da victoria se non hai un bo traballo detrás, a consolidación dun modelo de xogo que permita, finalmente, acadar o obxectivo. Porque non hai que perder de vista que o conto non é como empeza, senón como remata. Non queda outra que seguir remando, logo”.

Tobaruela, pensativo durante o partido en San Pedro.

Custou mais do debido
“Vexo cada vez máis maduras ás xogadoras no sentido de seguir disputando e intentándoo malia que, por circunstancias do partido, porque as rivais tamén xogan, as cousas non saian como esperabamos. Este tamén é un ingredente do fútbol, ás veces hai que modificar, rectificar. Nisto estivemos ben contra o Rácing de VIlariño. Cada partido é un mundo cambiante e pode pasar de todo”.

“No fútbol non só hai que xogar ben, tamén hai que ser capaz de cristalizar en gol as oportunidades”

PERE TOBARUELA, adestrador EFF Rosalía senior

Contento co reflexado no campo
“Efectivamente, aínda que hai cousas que se puideron facer mellor, hai outras que se fixeron moi ben. E sobre todo estou especialmente satisfeito da capacidade de competir, iso é bo e axuda moito, e da capacidade de finalización do equipo. Non podemos esquecer, neste último sentido, que no fútbol non só hai que xogar ben, tamén hai que ser capaz de cristalizar en gol as oportunidades”.

Vicky
“O mellor do debut de Vicky é precisamente o propio debut despois da súa operación de apendicite e a súa posterior recuperación. Unha xogadora máis para aportar, iso é o realmente importante, como a incorporación aos adestramentos esta semana de Noa. Somos un equipo e cantas máis xogadoras estean dispoñibles e a punto máis variantes serán posibles. Estamos nunha competición de longo alento e imos necesitar axuda de todas e cada unha das xogadoras”.

Parón
“A fin de semana vindeira toca descanso. Isto vai permitirnos sen dúbida poder aumentar a carga nos adestramentos, para non perder o ritmo. Por outra parte, as xogadoras poderán gozar dunha fin de semana completa coas familias, outra cuestión que para min é importante. Detrás de todas as xogadoras hai unhas familias que apoian, que combinan o seu tempo de lecer cos partidos”.

Check Also

Aldara Gonzalez amplía o seu contrato co senior ata 2024

A xunqueirá sumou un ano á súa anterior rúbrica, que a unía a Oira ata …

Skip to content