Vilariño-Rosalía: Seguir a racha positiva

A EFF Rosalía, líder con pleno de vitorias, visita a un equipo colocado no outro extremo da táboa (17:00 h, Municipal de San Pedro).

Segue a liga, segue a competición ante o Racing de Vilariño. O Municipal de San Pedro, será testemuña do duelo entre dous equipos moi distanciados na táboa. O noso equipo, líder con pleno de vitorias na Liga xunto a Lóstrego ‘B’, mídese a un conxunto que aínda non estreou o seu marcador de puntos nos dous duelos disputados.

As de Tobaruela viaxan cun obxectivo claro: sumar a cuarta vitoria consecutiva na liga antes da xornada de descanso, seguir líderes e brindar unha boa actuación no segundo partido a domicilio da tempada.

“Para nada inflúe a táboa clasificatoria. Cando xogas un partido de fútbol hai moitas circunstancias, tanto do equipo rival como de teu equipo e, a partir de aquí, as combinacións son múltiples”, dixo o técnico na rolda de prensa previa ao seu décimo encontro oficial coa EFF Rosalía. A mellor noticia foi a alta médica de Vicky e Noa Domínguez. A dianteira é unha das 16 convocadas e podería realizar o debut oficial esta tempada tras superar unha operación de apendicitis. Tobaruela contará tamén con duas futbolistas que están a ser decisivas neste inicio de curso: Fara e Zaira. Son as máximas goleadoras da Escola de Fútbol Feminina Rosalía e marcaron cinco tantos nas últimas dúas xornadas (catro da centrocampista por un a dianteira). Por contra, será baixa de última hora Candela Bouzas por molestias nun nocello.

Vicky estrea convocatoria esta temporada.

CONVOCATORIA EFF ROSALÍA

Porteira: Rocío.
Defensas: Matilde, Yadira, Laura, Sabela, Lú e Feijóo.
Centrocampistas: Aldarita, Fara, Ester, Bonjoch e Aroa.
Dianteiras: Chao, Noui, Zaira e Vicky.

O rival
Racing de Vilariño chega tras perder ante Unión Guardesa e Postergo ‘B’. Encaixou 7 goles no que vai de campionato. Ademais, soamente disputou dúas xornadas, ao iniciar o curso na segunda por ter descanso no inicio. A pesar deses números, San Pedro é un campo no que sempre custou levarse a vitoria. Nas dúas últimas visitas, nas campañas 2021-22 e 2019-20, os resultados foron 1-3 e 1-2, respectivamente, para as nosas.

Check Also

4-0: O sénior golea e achégase ao obxectivo

Un tanto espectacular de Bonjoch, outro de Vicky e Zaira e Patri, en propia porta, …

Skip to content