2-1: Segunda vitoria seguida en pretemporada

A Escola de Fútbol Feminina Rosalía gañou no Municipal de Oira ao Viajes InterRías grazas aos goles de Feijóo e Vicky.

A Escola de Fútbol Feminina Rosalía segue co pleno de triunfos nesta pretemporada no Municipal de Oira tras sumar a súa terceira vitoria. As de Pere Tobaruela venceron axustadamente ao Viajes InterRías ‘B’, con Feijóo e Vicky de goleadoras. O encontro comezou sen un dominador claro, aínda que foron as visitantes as que se adiantaron no marcador na primeira xogada de perigo do partido. Nikol aproveita un erro na saída do balón para adiantar a InterRías no minuto 9′. Antes do empate, Noa Camiña evitou tres ocasiones locais, dous a balón parado de Zaira e Candela e un chute desde a frontal de Noui.

As pontinas buscaban as táboas no marcador e lográrono no minuto 22. Internada de Noa polo perfil esquerdo, provoca un córner que Zaira saca ao segundo pau asistindo a Feijóo para que fixese o 1-1 de cabeza. Tres minutos despois, gran xogada individual de Vicky para darlle a volta ao tanto inicial liliano. A dianteira recibe de Candela en tres cuartos de campo, dáse a volta e escapa en velocidade de Nerea e Inés para plantarse diante da gardameta visitante e non fallar no man a man.

VÍDEO. 2-1: Vicky logra o gol da vitoria azul.

A tónica no comezo da segunda metade foi a mesma. Nada máis comezar, Sabela probou fortuna a balón parado, pero Noa Camiña atallou o disparo. A réplica visitante, tamén a balón parado. Carmén centra á área pequena e o balón paséase sen que cheguen ao remate Andrea e Carmen Castro coa porta baleira. Zaira volveu tentalo de falta, Noa Camiña despexa ao traveseiro. No posterior córner, Silvia remata de cabeza e o balón vaise fóra por pouco. A dianteira tivo a ocasión máis clara aos 70 minutos de partido. Internada de Vicky, o despexe de Nahír rebota na súa porteira, o rexeite recólleo Silvia que cede a Vicky e devólvella, pero a dianteira non consegue rematar antes de que Nahír corte o balón. Dous minutos despois, novamente Zaira a balón parado tenta sorprender á gardameta rival, pero o seu tiro atópase co traveseiro. A partir deste momento, as azuis notaron o cansazo de xogar dous partidos en tres días. No minuto 73′, Lucía Otero enviou un balón entrelíneas a Irene Pesqueira, a máxima goleadora do ano pasado do equipo plántase na área pero o seu tiro coa esquerda sae alto. A pesar de que ambos os equipos buscaron mover o marcador, o resultado non variou e a Escola de Fútbol Feminina Rosalía asinou un nuevo triunfo na pretemporada, o segundo seguido.

Check Also

Triunfo do sénior en Ribeira con triplete de Noui

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía imponse a Aguiño con tres goles da ourensá, un …

Skip to content