2-2: O líder empata en Chaín nun partido con polémica

A Escuela de Fútbol Femenina Rosalía buscou o gol ata o último minuto pero non puido bater ao Lóstrego ‘B’ nun partido marcado pola polémica arbitral.

O colíder, despois desta xornada, con Mos ‘B’ da liga empatou no campo da Gándara-Chaín. A Escuela de Fútbol Femenina Rosalía non puido superar a un sólido Lóstrego ‘B’ nun partido que tivo un tiro ao traveseiro para cada equipo e varias xogadas polémicas, moi protestadas polo equipo visitante. A primeira parte foi para as de Saa e a segunda para ambos os equipos, que buscaron o triunfo ata o final. As primeiras ocasións foron para o conxunto da Ponte tras un remate a saída de córner de Patricia, que disparou alto dentro da área e un tiro axustado ao poste de Lidia aos sete minutos.

A resposta do Lóstrego chegou vía penalti, a primeira das xogadas conflitivas do encontro. A xogada comezou cun despexe desde a defensa local, Rocío falla na saída e o balón acaba nas botas de Emma coa portería baleira, cando se dispón a disparar un mal paso fai que caia con Laura Añón a seu lado. O colexiado Martínez Fernández sinala penalti e, a pesar das protestas locais pedindo tarxeta vermella, decide non amoestar á defensa. Marta non falla desde os once metros, minuto 24. A pesar das protestas desde o banco visitante o gol sobe ao marcador. Antes do descanso, as azuis dispuxeron de dúas xogadas moi claras para empatar. Noui falla no man a man ante Sabela Costas (36′) e un minuto despois, a máis clara de todo o partido. Saque de banda de Sabela, Noui cólgaa á área e Lidia remata ao traveseiro.

Martínez Fernández sinalou penalti na caída fortuita de Emma no área.

Tras o paso polos vestiarios, Saa deu entrada a Zaira e Fara por Noui e Ana e o equipo remontou a vantaxe do Lóstrego. Minuto 52′, Fara saca un centro desde a dereita que Laura Vázquez non consegue rexeitar, Lidia, en área grande, colócaa ao pau longo, golazo. Cinco minutos despois, mesmas protagonistas e idéntico resultado, 1-2.

Xogada polémica que decide o encontro
Tan só un minuto despois do un a dous, a xogada que quentou os ánimos visitantes. Balón en profundidade ás costas das defensas, Lidia chega antes da porteira e cede a Patricia antes de chocar con Sabela Costas, a centrocampista marca a porta baleira pero Martínez Fernández anula o gol por falta previa de Lidia á porteira local. Xogada que descentró ás azuis que cometeron varios erros que xeraron perigo na portería defendida por Rocío.

Tentouno Lóstrego e a punto estivo de conseguilo un minuto despois nunha xogada que comeza cunha falta de entendemento entre Isis e Laura Añón, o balón acaba en Rocío que abre o xogo a Noa, pero un mal control da lateral habilita a Emma, dispara pero rexeita Rocío, Irene remata novamente e a porteira despexa a córner. A resposta azul non tardou en chegar, Aldarita rouba no centro e asiste en profundidade a Lidia. Dous contra un pero Ainhona corta o pase da centrocampista a María. Minuto 75′, Saque de Alicia en longo, Isis falla no despexe e Emma remata, córner, Despois de dous intentos, prodúcese un barullo na área e o balón rebota na man de María, penalti. Novamente Marta non perdoa desde os once metros, 2-2. O empate espoleó ás locais, que dous minutos despois tiveron a vitoria nas botas de Irene, pero o seu remate rexéitao o traveseiro. Seguiríano tentando as de Saa, pero o resultado xa non se movería.

Empate nun partido moi rifado marcado polas decisións arbitrais, que finalmente puido gañar calquera dos dous equipos e que, debido á vitoria de Mos ‘ B’, coloca ás pontinas segundas na táboa empatadas a puntos coas moenses.

Check Also

Rosalía-Praiña: a pola terceira vitoria seguida

O noso equipo, que encadea dúas vitorias seguidas, busca seguir o refacho no Municipal de …

Skip to content