Tobaruela: “En ningún momento pensei en ir buscar o empate”

“Dominamos no marcador en todo momento, sempre fomos por diante e ao final conseguimos rematar con vantaxe dun gol”, dito o técnico.

Pere Tobaruela compareceu en zona mixta do Campo da Granxa tras o encontro de ida da final da fase de ascenso a 1.ª División Galega Feminina Arzúa-Ulloa DOP fronte ao Domaio FC. O adestrador declarou: “O primeiro que hai que valorar nun partido como de onte, a ida dunha final de ascenso, é o resultado. E foi positivo. Dominamos no marcador en todo momento, sempre fomos por diante e ao final conseguimos rematar con vantaxe dun gol. Iso, no caso dunha final, é vital. Toca preparar a volta en Oira”.

“Nós fomos a Domaio a pola victoria. O noso equipo sempre xoga así. E ningún momento pensei en ir buscar o empate. En Oira xogaremos a “segunda” parte da final. De ben seguro que vai ser intensa e disputada como o partido en Domaio”.

Depender dun mesmo
“Como comentei, afrontamos o partido de Oira cun gol da vantaxe e iso é importante, pero non nos podemos confiar. Xogaremos o partido como se principiaramos 0-0. Diante imos ter un Domaio que, como onte, xoga con moita intensidade e son perigosas de cara a portería”.

Plantexamento rival
“O Domaio xa xogou a semifinal contra o Calo da mesma maneira, moi intensas, balóns longos sempre buscando á súa máxima goleadora e moi perigosas a balón parado. Onte marcaron os dous goles así, a balón parado: nun saque de esquina e nun penalti. Se a isto xuntas as reducidas dimensións do terreo de xogo, trátase dun equipo difícil de conter, mais nós fomos quen de saír vitoriosas porque as nosas xogadoras estiveron moi aplicadas defensivamente. Isto ten moito mérito”.

Rosalía non impuso seu estilo
“Que o noso equipo non puidera impoñer o seu xogo en ningún momento, debeuse ao que acabo de dicir: campo excesivamente pequeno, balóns longos todo o tempo por parte das rivais e moita presión. Xa na primeira mitade de xogo tiven que axustar algunhas cousas para poder contrarestar o xogo do rival. Niso tamén hai que valorar ás nosas xogadoras: a súa capacidade de adaptación, saber ler un partido, saber sufrir e agardar o momento para crear ocasións”.

“Fomos quen de chegar con perigo á porta contraria en xogadas elaboradas e soubemos marcar”

PERE TOBARUELA, adestrador EFF Rosalía sénior.

Balón parado
“Si, o balón parado foi unha das armas das rivais, principalmente os saques de esquina. Defendémonos como puidemos porque as nosas xogadoras non teñen nin moita envergadura nin son altas. Pero hai que salientar que, pola nosa banda, tivemos unha alta porcentaxe na finalización. Fomos quen de chegar con perigo á porta contraria en xogadas elaboradas e soubemos marcar. Elas non foron quen de chegar á nosa porta con perigo en xogada elaborada”.

O soño do ascenso máis preto
“Como dixo Calderón de la Barca, “os soños, soños son”. Eu son máis ben de realidades e de traballo semanal. Toca preparar o partido do domingo vindeiro en Oira en todos os sentidos. E ao final, xa se verá se somos quen de conseguir o premio do ascenso. Eu confío plenamente na capacidades do meu equipo: boas xogadoras e cunha grande capacidade de traballo e sacrificio. Para min, esta é a fórmula perfecta”.

Victor Antonio González, técnico do Domaio analizaba así o sucedido sobre o céspede da Granxa: “Foi un partido emocionante para o espectador e que deixa todo aberto para gozar dun looooongo partido de volta”.

Resultado xusto
“Se a vida non entende de xustiza, o fútbol é un simple reflexo. Sexa como sexa o resultado é o que hai”.

Esperabas un partido así
“Si en canto ao táctico. Xogouse en todo momento ao exposto e o equipo non lle perdeu a cara ao partido en ningún momento”.

“Van ser 90 minutos moooooi longos para un Rosalía obrigado a non fallar”

VICTOR A. GONZÁLEZ, adestrador Domaio FC

Rosalía chega á volta con vantaxe
“En realidade creo que será o Rosalía quen saia a non perder, o Domaio soamente terá que saír a gozar, porque van ser 90 minutos moooooi longos para un Rosalía obrigado a non fallar”.

O equipo fixo un gran desplegue físico, que lle dixeches as xogadoras ao rematar
“Ante un partido con tantas finalizacións e chegadas á portería rival, soamente podo felicitar ao equipo ao terminar o partido e lembrarlles que quedan 90 minutos por xogarse. Cada minuto que pase, a presión e o medo para fallar será maior para un Rosalía favorito, que ten a obrigación de non perder”.

Check Also

Presentado o trofeo internacional fútbol feminino de Canedo

Sampayo, Candela e Yuse asistiron ao Pavillón de Os Remedios en representación da EFF Rosalía.No …

Skip to content