Rosalía-Cambados: Suspendido pola non presenza das cambadesas

O resultado do partido está a expensas do ditame da Federación Galega de Fútbol.

A EFF Rosalía chegaba ao Monte da Aira na mañá do domingo para a disputa da 19ª xornada de Liga, na que recibía ao Juventud de Cambados. Ás doce do mediodía era a hora estipulada para que comezara o partido pero as cambadesas non se presentaron, o que, a espera do ditame da Federación Galega de Fútbol, pode carrear a perda do encontro por 3-0, unha sanción e económica e a perda de 3 puntos.

Dende a directiva do Juventud de Cambados, por medio da súa portavoz, Raisa Charlín, explicaron a súa ausencia ao encontro: “O luns chamamos ao presidente do Rosalía para preguntar pola posibilidade de facer un cambio de día xa que temos moitas xogadoras lesionadas. Dende o club comunícanos que non teñen días dispoñibles. Falamos coa federación para ver as posibilidades e dinnos que para aprazar temos que fixar un día antes do últimas 4 xornadas, opción que non temos xa que o presidente do Rosalía non nos pode garantir ningún día”. 

“O martes volvo falar con él para ver se conseguimos chegar a un acordo, pero a única opción que nos dá é que a federación nos faga un escrito xustificando que non temos xente pero é moi complicado porque aínda que temos fichas non temos xente. Esperamos toda a semana a ver se recuperabamos xogadoras pero foi imposible. O sábado chamei novamente para comunicarlle que non nos presentabamos por imposibilidade de xuntar xente para xogar”.

Numerosas baixas
“O noso desexo sempre foi xogar o partido e fixemos todo o posible por chegar cun mínimo de xogadoras para xogar pero foi imposible”

Por parte da EFF Rosalía, Mario Gómez, presidente, explicou a situación vivida antes do día do partido: “Dende a nosa escola sentimos profundamente que o Cambados non se puidera presentar ao partido. A principio de semana comunicáronnos que tiñan moitas baixas e nós emprazámolos a xustificar esas baixas federativamente para buscar unha solución, pero ao non ser por lesión ou enfermidade non podían ser xustificadas”.

Problemas cos horarios
“O noso club usa unhas instalacións municipais compartidas con CD Velle, esta tempada moitos clubs pídennos aprazamentos de partidos a escasos días de viaxar a Ourense, dentro do posible e ca colaboración de CD Velle tratamos de atender a todas esas peticións, pero cáusanos moita sorpresa que a maioría dos clubs só teñan “problemas” a semana que se desprazan máis aló do túnel da Cañiza. É por isto que tomamos a decisión dende a directiva de só atender aprazamentos de partidos debidamente xustificados, en defensa dos dereitos das nosas xoves xogadoras que semana si e semana tamén fan numerosos quilómetros ás horas que os clubs locais deciden e dende o noso clube nunca se protestou e só se pediu modificacións de horario para tentar aforrar en desprazamentos, pero nunca buscando a comodidade das nosas xogadoras”.

Unha vez o árbitro da contenda, Brais Rodríguez, certificou a non presenza do equipo rival, xa só queda a resolución por parte da Federación Galega de Fútbol, ainda que Juventud de Cambados ten tres días para presentar ante dita federación os motivos da non presentación no Monte da Aira no partido de once.

Check Also

Aguiño-Rosalía: a sénior busca os tres puntos en Ribeira

O noso equipo afronta outra partido clave na loita polos postos de fase de ascenso …

Skip to content