Tobaruela: “A miña preocupación agora está na adaptación”

“Conto cunhas xogadoras que teñen un bo nivel e tanto elas coma min estamos adaptándonos”, dixo o adestrador da Escuela de Fútbol Femenina Rosalía.

Pere Tobaruela respondeu ás preguntas dos medios de comunicación na previa do partido contra o Gondomar. O catalán analizou o encontro que supoñerá o seu debut co equipo sénior (17:30 horas; Municipal das Cercas): “Estou con moitas ganas de debutar, a verdade. Para min é un pracer poder dirixir este equipo”.

“A EFF Rosalía é un club que máis cedo que tarde dará que falar, estou convencido diso”.

Adiamento a semana pasada
“Está claro que cando chegas novo a un equipo é ideal contar cun tempo de adaptación, de coñecemento previo das xogadoras, do propio funcionamento do club. Con isto quero dicir que si, que este adiamento “forzado” veu ben, mais aínda así un par de semanas non chegan para coñecer a fondo ao equipo. Pero estas son as circunstancias e hai que traballar a partir delas. Eu adáptome”.

Debut en Gondomar
“O equipo e mais eu afrontámolo partindo dunha premisa: estamos a facer un traballo nos adestramentos que poremos en práctica este domingo. Así de sinxelo. Conto cunhas xogadoras que teñen un bo nivel e tanto elas coma min estamos adaptándonos. Estou contento do traballo e do rendemento de todas as xogadoras nos adestramentos”.

Cómo está o equipo tras a renuncia do corpo técnico
“Todo cambio sempre comporta e xera unhas determinadas reaccións, é lóxico. As xogadoras perciben o que pasa ao seu redor e está claro que vivir unha despedida ten a súa parte, por dicilo así, triste. Mais un cambio tamén produce o efecto contrario: novas rutinas e novas expectativas. Dito isto, podo afirmar que vin ao grupo ben, con gañas de seguir practicando e gozando do seu deporte favorito”.

“As xogadoras son como esponxas e teñen unha gran facilidade para asumir eses pequenos detalles que eu quero”

PERE TOBARUELA, adestrador EFF Rosalía Sénior

Preparación partido
“Pois aínda que dúas semanas non dan para moito, como dixen antes, teño que dicir que as xogadoras son como esponxas e teñen unha gran facilidade para asumir eses pequenos detalles que eu quero ir introducindo, e xa fun introducindo de feito, para elaborar un modelo de xogo creado a partir das actitudes e as capacidades delas. Este domingo faremos un pequeno ensaio”.

Empezar con bo sabor de boca
“Se se entende bo sabor de boca gañar, pois claro que intentaremos facelo. Xa non estou tan de acordo que sexa un “rival asequible”. Todos os partidos hai que xogalos e que na ida se gañara con solvencia non garante nada. A miña preocupación agora está na adaptación, na posta en marcha dun modelo de xogo que nos permita ir medrando non so a nivel competicional, senón tamén a nivel formativo”.

Baixas
“Nun club cunha a estrutura como a que ten a EFF Rosalía falar de baixas é relativo, e dígoo porque no club hai rapazas de diferentes categorías capacitadas para xogar no primeiro equipo. É unha liña de traballo que estamos a establecer marcada polo director deportivo, Tamayo, na que xogadoras cadetes e infantís participan de adestramentos do primeiro equipo para ir conxuntando, para ir entrando en dinámica. Por dicilo así, todos falamos o mesmo idioma”.

Adaptación ao club
“Na miña presentación dixen que coñecía a EFF Rosalía desde fóra e que, desde esta perspectiva, merecía o meu recoñecemento. Unha vez dentro puiden comprobar que en todos os niveis é un club moi ben estruturado e eu, este pouco que tempo que levo aquí, recibín todo o tipo de axudas e facilidades. E iso é bo, moi bo”.

Check Also

Aldara Gonzalez amplía o seu contrato co senior ata 2024

A xunqueirá sumou un ano á súa anterior rúbrica, que a unía a Oira ata …

Skip to content