Tobaruela: “O partido decidiuse por intensidade e sangue frío, cabeza”

“Doulle máis valor ao traballo das xogadoras que aos tres puntos, que son importantes, pero ten máis mérito o saber adaptarse e saber xogar nun terreo de xogo en mal estado diante dunhas rivais esixentes”, explicou o adestrador.

O técnico estivo moi concentrado en todo o partido.

Pere Tobaruela compareceu ante os medios do club en zona mixta do campo de O Cruceiro tras a vitoria da Escola de Fútbol Feminina Rosalía en Ponteareas: “Nun campo en mal estado soubemos ler o xogo e impoñernos a un rival duro e combativo a base de xogo directo e un bo traballo defensivo. Seguimos medrando nunha liga competida na que non se pode dar nada por feito”.

“A de hoxe foi unha vitoria importante ante un equipo que está a facer unha gran tempada e que aínda non perdera na súa casa”.

Contento co equipo
“Máis alá do resultado, estou moi satisfeito das xogadoras porque souberon adaptarse e xogar dunha maneira case antitética ao habitual. E iso é moi positivo. Hai que ter recursos, hai que saber modificar segundo as circunstancias. No fútbol non sempre dous máis dous son catro”.

Qué decidiu o partido
“O partido decidiuse por dúas cousas que nun primeiro momento poden paracer contrarias: a primeira intensidade, a segunda sangue frío, cabeza. Intensidade para xogar contra unhas rivais que saben o que fan nun terreo de xogo que dominan e que onte era unha lameira. Sangue frío para non tolear e saber levar un ritmo de partido alto e constante para desgastar ás contrarias e acabar impoñéndonos, como así foi. Amais dos matices técnico-tácticos, estes eran os dous puntos fortes do noso plan de partido, e as xogadoras levarono a cabo moi ben. Estou ben contento neste sentido”.

“Nun campo cheo de lama é difícil xogar”

PERE TOBARUELA, adestrador EFF Rosalía

Estado do campo
“O estado do campo sempre é un factor máis a ter en conta. E iso é o que fixen: antes do partido comprobei que aquilo aos poucos minutos de xogo, como así foi, ía ser unha lameira, así que no once titular primei ás xogadoras que mellor desprazan o balón. Nun campo cheo de lama é difícil xogar a ras de chan, hai que facer desprazamentos longos e levar a cabo un ataque directo, intentar xogar o máis posible en campo contrario. E iso foi o que fixemos”.

Afianzadas en postos de fase de ascenso
“Aínda non rematou a primeira volta, faltan dúas xornadas. Está por ver como remata a nivel de puntuación porque esta tempada, para ben de todos, o nivel de bastantes equipos está subindo. E o partido de onte entre o Arenteiro, o noso próximo rival, contra o líder Lóstrego é un exemplo de que non hai partido fácil. As do Carballiño souberon poñer en apuros ás de Gondomar, así que no derbi na casa agardo un partido desputado e intenso, un partido que prepararemos polo miúdo este domingo. Para o fútbol ourensán feminino é un encontro importante, unha festa da que intentaremos saír victoriosas”.

Check Also

Aldara Gonzalez amplía o seu contrato co senior ata 2024

A xunqueirá sumou un ano á súa anterior rúbrica, que a unía a Oira ata …

Skip to content