Tobaruela: “Sairemos a sumar os tres puntos aplicando o traballo semanal”

“O equipo está ben e en todo momento as xogadoras teñen mentalidade gañadora”, dixo o técnico azul.

O adestrador da Escuela de Fútbol Femenina Rosalía, Pere Tobaruela, compareceu nunha roda de prensa telemática na previa do partido contra o Cañiza, correspondente á vixésimo segunda xornada de Liga (domingo, 17:00 h, Aguas Férreas): “O equipo está ben e en todo momento as xogadoras teñen mentalidade gañadora. Así que sairemos a sumar os tres puntos aplicando o traballo semanal, que desta vez foi un chisco diferente xa que tivemos que xogar o xoves”.

“Antes do partido do xoves, nos anteriores encontros, o equipo subiu un chanzo no aspecto técnico-táctico e o propio xoves deu un paso en canto a ritmo competitivo e intensidade. Contra o Cañiza trataremos de aplicar ambas as dúas cousas, o mesmo que intentaremos facer na fase de ascenso”. 

Subir algún posto na clasificación
“Xa dixen noutras roldas de prensa que a miña preocupación somos nos mesmas. Seguir mellorando, seguir medrando na formación e na competición hanos levar lonxe. Ese é o camiño. Contra o Cañiza imos intentar impoñer o noso modelo de xogo e sumar de tres. Despois a ver o que pasa no resto de partidos. Gañando nós e, segundo se dean os outros resultados, podemos quedar de cuartas, de terceiras ou de segundas. O importante é que estamos clasificadas para a disputa da fase de ascenso”.

Pronóstico partidos rivais
“O partido máis interesante a priori é o Mos B contra o Lóstrego B. Vai ser un encontro moi disputado no que pode gañar calquera dos dous equipos. Por outra banda o Peñasco visita ao Valadares. Segundo a lóxica a vitoria ten que caer no peto do Peñasco, máis no fútbol a lóxica as veces non existe. Iso é o que aínda fai máis atractivo este deporte”.

Dous partidos en tres días
“Está claro que vai influir dalgunha maneira. E aínda máis se temos en conta que o partido do xoves foi dunha alta esixencia física. Onte venres fixemos un adestramento de recuperación e agardo que as xogadoras cheguen ben ao domingo. A súa actitude é moi boa e iso pode suplir a pequeña merma física que poidan arrastrar”.

“A clave está en ser capaces de render ao nivel do partido contra Lóstrego facendo o noso xogo”

PERE TOBARUELA, adestrador EFF Rosalía

Estado anímico do equipo
“No partido contra o Lóstrego decatáronse que son capaces de competir contra un rival moi esixente e que nos someteu a unha forte presión durante os noventa minutos. Agora a clave está en ser capaces de render a ese nivel facendo o noso xogo, cousa que fomos quen de levar a cabo contra o Lóstrego. Estamos traballando nese sentido de cara á fase de ascenso e o partido contra o Cañiza afrontámolo como unha proba”.

Baixas
“As circunstancias coas que se afronta cada partido son cambiantes e tes que supeditarte a elas. Na Escola de Fútbol Feminino Rosalía hai equipos de categorías inferiores que aportan xogadoras ao primeiro equipo. O director deportivo, Tamayo, e mais eu estamos en constante relación para tratar deste asunto. Trátase de aproveitar isto, simplemente. A aposta pola formación permite poder contar con outras xogadoras no equipo senior cando hai baixas”.

Check Also

Aldara Gonzalez amplía o seu contrato co senior ata 2024

A xunqueirá sumou un ano á súa anterior rúbrica, que a unía a Oira ata …

Skip to content