Tobaruela: “Seguimos o plan previsto en canto a cuestións tácticas”

“Co bo número de xogadoras que dispoñemos, hai que ir tendo en conta os minutos que xoga cada unha delas”, explicou o adestrador.

Pere Tobaruela compareceu en zona mixta do Municipal das Cercas tras a vitoria da Escola de Fútbol Feminina Rosalía fronte ao Gondomar: “Xogamos contra o colista, un equipo con moitas xogadoras que empezaron este ano, e iso nótase. Por outra parte, o Gondomar, segundo me dixo o seu adestrador, esta semana contaban con algunhas baixas importantes por lesión. Tendo en conta estas circunstancias hai que facer unha valoración ponderada do partido: seguimos o plan previsto en canto a cuestións tácticas e fixemos rotacións de xogadoras para dar descanso a algunhas e minutos a outras”.

Rotacións
“Unha tempada é moi longa e, co bo número de xogadoras que dispoñemos, hai que ir tendo en conta os minutos que xoga cada unha delas e, na medida das posibilidades, ir rotando. Isto, por unha banda permite dar descanso a xogadoras que están máis cargadas ou recuperándose de molestias, como pasou esta xornada. E, por outra banda, dá a posibilidade de que as xogadoras que xogan menos poidan sumar minutos de competición e poidan demostrar que poden ser titulares en calquera momento.

Demasiada diferenza entre ambos equipos
“Esta segunga división galega sempre tivo como denominador común o feito de ser unha competición moi desigual. Explícome: competimos equipos con máis experiencia e xogadoras máis formadas contra equipos con xogadoras que empezan, como pasou neste encontro contra o Gondomar. Por iso, de cara a tempada vindeira, a creación dunha terceira categoría vai permitir que os diferentes equipos compitan en igualdade de condicións, e iso é positivo para todas as partes”.

“No club estase empezando a recoller o sementado, e aínda queda moito por recoller”

PERE TOBARUELA, adestrador EFF Rosalía senior

Once cunha media de 15 anos
“Noutras roldas de prensa xa dixen que o noso equipo non era moi novo, senón moi moi novo. A Escola de Fútbol Feminino Rosalía é un club ben estruturado neste sentido: xogadoras formadas desde idade temprana. E isto permite que nunha xornada como a de onte no once inicial a media de idade estivese por baixo dos 16 anos. Isto garante unha continuidade, claro está. No club estase empezando a recoller o sementado, e aínda queda moito por recoller. E non hai perder de vista que se segue sementando”.

¿Axudan este tipo de partidos ao fútbol feminino?
“Está claro que xogar un partido entre dous equipos con diferente grao de desenvolvemento e formación non é bo para ningún dos dous, pero de momento é o que hai e, como dixen antes, isto vaise solucionar en certa maneira coa nova Terceira Galega da tempada vindeira”.

Postos de ascenso
“Conforme avanza a competición está máis claro os equipos que aspiran a entrar na fase de ascenso. Vexo, na parte alta da clasificación, unha competición moi emocionante e na que nada está decidido, e equipos que agora non están metidos na fase de ascenso que van ser os xuíces da contenda. Hai case unha ducia de equipos que, entre eles, en encontros directos pódese dar calquera resultado”.

Check Also

Aldara Gonzalez amplía o seu contrato co senior ata 2024

A xunqueirá sumou un ano á súa anterior rúbrica, que a unía a Oira ata …

Skip to content