1-0: O derbi foi para o Arenteiro

A EFF Rosalía perdeu un partido que se decidiu cun gol das locais na primeira parte.

A Escola de Fútbol Feminina Rosalía perdeu pola mínimo o derbi de Espiñedo. Na súa última saída a domicilio da tempada regular, o subcampión do subgrupo V non puido puntuar ante o Arenteiro nun encontro que se decidiu cun gol das verdes na primeira parte. Cun gran ambiente na bancada, o derbi non puido empezar de peor maneira para as de Tobaruela. As nosas comezaron presionando arriba e xerando perigo sobre a portería de Sara. No 4’, Vicky xerou perigo nunha dobre ocasión que despexou a defensa. Pero tres minutos despois, un erro atrás na saída de balón permitiu a Lidia apropiarse do esférico e enganchar un disparo que termina ao fondo da rede.

Aos poucos, Rosalía freou a intensidade verde, cun Arenteiro pechado atrás en busca das contras por banda de Lidia e Leti, aínda que non conseguían chegar á área rival con claridade. Vicky probou a Sara desde fóra da área no 9’. Catro minutos máis tarde, Sabela o tenta sen sorte. Aínda sen cumprirse a media hora de xogo, Vicky, en dúas ocasións e Candela de falta buscaron o gol. Antes do descanso estivo preto de empatar o conjunto pontino. Primeiro, Noui o tenta desde a frontal e, no engadido, un cabezazo de Vicky non atopou portería.

A dianteira azul tivo tamén a primeira ocasión tras a continuación. Un remate que despexou Sara (46’). Cun dominador claro, o partido púxose de ida cara á zona de perigo local con Tobaruela movendo fichas dando entrada a Zaira e Clau en busca de máis profundidade. Zaira, a balón parado e Vicky seguiron xerando perigo antes de a mellor ocasión do partido local. No 62′, córner a favor de Arenteiro que enlaza tres remates consecutivos aos que Rocío respondeu con dúas espectaculares accións despois dun rexeite do traveseiro. As nosas deron a réplica con dúas oportunidades case consecutivas para as de Tobaruela, que viu a súa formulación rota ao ter que retirar novamente a Zaira por unha indisposición. A defensa ‘numantina’ local estaba a funcionar, a pesar de ter que xogar con dez os últimos cinco minutos mais o desconto tras a expulsión de Xiana por dobre cartón amarelo. Achegábase o final e todo seguía aberto. Candela volvía probar a Sara de falta afastada e Clau xeraba perigo coas súas internadas desde a dereita. No 90′, un córner que remata Aldarita atopouse coa gardameta local. A Escola de Fútbol Feminina Rosalía acabou o partido envorcada sobre a portería local pero o gol non chegou. Agora toca pensar na última xornada antes de comezar a fase de ascenso o 21 de maio.

Check Also

Cuarta vitoria consecutiva (2-0)

A EFF Rosalía venceu ao Touro e mantén a súa serie de triunfos grazas aos …

Ir o contido