Tobaruela: “Vin un equipo aplicado, disciplinado e solidario”

“Interpretaron e levaron moi ben a cabo o plan de partido”, explicou o adestrador.

Pere Tobaruela compareceu en zona mixta do Municipal de Oira e analizou a vitoria da Escola de Fútbol Feminina Rosalía fronte ao Pontellas na terceira xornada da liga: “Estou moi satisfeito coas xogadoras máis alá do resultado. Interpretaron e levaron moi ben a cabo o plan de partido, incidindo no hándicap que tiñamos nos derradeiros partidos: estar ao cen por cen desde o asubío inicial. E fixérono diante dunhas rivais moi fortes e ben posicionadas”.

“O partido tivo moitas fases, agora turraba o Pontellas, agora turrábamos nós. Foi un partido xogado de ti a ti desde o inicio que as nosas xogadoras acabaron levando ao noso rego pola combinación do esforzo e o rigor no traballo técnico-táctico”.

Gol psicolóxico antes do asubío do descanso
“Hai goles que afectan nun sentido negativo ou positivo segundo o momento que se marquen. Conseguir un gol xusto antes do descanso deunos un extra en todos os sentidos”.

“Aínda queda moito traballo por facer, pero polo momento non podo esixir máis”

PERE TOBARUELA, adestrador EFF Rosalía senior

Equipo
“Vin un equipo aplicado, disciplinado e solidario. Aínda queda moito traballo por facer, pero polo momento non podo esixir máis. Eu cando falo coas xogadoras sempre incido en dúas cousas: visibilizar os erros para corrixilos e decatarse do que fan ben para seguir insistindo”.

¿Pizarra vs xogadoras?
“Eu diría que ademais de un partido moi táctico tamén foi un partido no que as rivais nos esixiron moito físicamente. O Pontellas está chamado a ser un dos equipos da parte alta da clasificación, por xogo e por intensidade”.

Gañou que acertou
“Nos partidos hai sempre un compoñente chamado sorte que non se pode controlar. O Pontellas tivo as súas oportunidades e nós as nosas. Outra cousa é o control do partido: neste sentido coido que nós estivemos un chisquiño mellor”.

Reflexión final
“Despois deste partido podo dicir que as xogadoras están capacitadas para corrixir as carencias, e son aplicadas neste sentido. Disputamos un bo partido e o resultado acompañounos. Iso sempre é importante”.

Lucía e Sueiro, pensativos nun lance do encontro.

Pola súa banda, Lucía Llorente cedeu o protagonismo a Roberto Sueiro, que analizou así o encontro: “Sabiamos que era un partido complicado vir aquí ao campo do Rosalía. Para min, díxeno o ano pasado e repítoo este ano, é un dos mellores equipos da categoría. A primeira parte, eu creo que tivemos o peso do partido, pero non houbo sorte e o balón non quixo entrar e xusto no último minuto recibimos en contra, un pau duro. Na segunda, creo que é un partido máis aberto, partido roto e dúas accións puntuais deciden o partido e cun 3-0 pouco podíase facer”

Primeiro gol
“Xusto a xornada anterior pasounos exactamente o mesmo. Xusto no último minuto da primeira parte métennos o gol e afectounos moito a semana pasada e creo que, ao pasar o mesmo, empezamos a ver pantasmas da anterior. Entón, se que inflúe”.

Partido con dúas partes diferenciadas
“Totalmente de acordo. Eu creo que a primeira parte é máis nosa, levamos o peso do partido, creamos máis ocasións. O resultado, non creo que sexa xusto na primeira pero si na segunda. Rosalía dominou, crea máis e de feito o resultado está aí, mete dous goles máis. Mereceuno”

Oportunidades perdidas
“Cando non entra, non entra. Non nos queda máis que pensar xa na seguinte xornada”

Check Also

Aldara Gonzalez amplía o seu contrato co senior ata 2024

A xunqueirá sumou un ano á súa anterior rúbrica, que a unía a Oira ata …

Skip to content